Os alumnos da ESO do IES Sánchez Cantón inician a xincana de orientación ‘Xogando a descubrir Pontevedra’

100
  • Tino Fernández, Yoya Blanco e Iván Puentes achéganse ata a avenida Raíña Vitoria para dar o ‘pistoletazo’ de saída e desexar sorte aos estudantes participantes

O tenente de alcalde e concelleiro de Educación e Deportes, Tino Fernández; a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, achegáronse esta mañá ata a entrada principal do IES Sánchez Cantón, na avenida Raíña Vitoria, para desexarlles sorte aos alumnos de ESO participantes na saída da xincana ‘Xogando a descrubrir Pontevedra’, un xogo de orientación impulsado polo centro educativo en colaboración co Concello de Pontevedra e co que os estudantes pecharán un curso diferente cun último reto que porá a proba os seus coñecementos sobre a cidade.

Empregando como base para esta xincana o mapa de orientación deportiva cedido polo Club Aromón Pontevedra – Montañeiros Arroelo, a proba estase a disputar por niveis, en percorridos asignados para cada grupo-aula e deseñados polo alumnado de 1º curso do Ciclo Superior de Técnico en Ensinanza e Animación Sociodeportiva (TSEASD), dentro do módulo de Xogos: 1º e 2º da ESO, hoxe luns 21 de xuño; e 3º e 4º da ESO, mañá martes 22 de xuño (entre as 9:00 e as 14:00 horas en ámbalas xornadas). Cada grupo vai acompañado dun profesor/a (normalmente a titora ou titor), que non poderá axudalos e que tan só vixiará que se cumpran as normas do xogo e de convivencia, e deberá atopar, no menor tempo posible, os 10 puntos sinalados no mapa seguindo a orde de numeración establecida (dende a saída, deberán dirixirse ao punto un, logo ao dous… Ata o punto dez, e logo chegar á meta). En cada unha desas localizacións, prazas e lugares emblemáticos do casco histórico da nosa cidade, os rapaces terán que localizar e resolver unha pregunta que lles fará o alumno ou alumna do Ciclo Superior que se atope no lugar. 

As preguntas que se van formular nas diferentes prazas están elaboradas polos diferentes departamentos didácticos e adaptadas a cada nivel, de tal xeito que os participantes se enfrontarán a preguntas sobre esa localización de Matemáticas, Historia, Física e Química… O delegado ou delegada do grupo-aula transmitiralle ao alumno do Ciclo de Animación Sociodeportiva a resposta e, se entre todo o grupo logran acertar coa solución, colocaráselles unha pegatina co debuxo dalgunha das prazas de Pontevedra sobre o cadro co número do punto no que están na súa tarxeta de control (cuartilla de papel na que figurarán, entre outros datos, o nome do grupo, o número de participantes e dez recadros numerados), para que así poidan pasar a buscar a seguinte localización por orde numérica. No caso de non dar coa solución, volverán consensuar unha nova resposta, ata que acerten.
Cada grupo finalizará cando resolva a pregunta do décimo punto e alcance o punto de chegada, onde se lle anotará o tempo investido en completar o percorrido solucionando as preguntas de cada localización. As cuestións que se plantexarán ao alumnado serán desde aquelas de tipo lingüístico, histórico, musical ou relixioso ata outras de física e química e matemáticas, dispoñéndose en algunhas ubicacións de cinta métrica para realizar cálculos de figuras xeométricas e perímetros e medir in situ para lograr saber ese dato. 

A actividade está coordinada polos profesores Belén Herrero, Manuel Fariña, Carmen Pernas, Anxo Gómez e Josevi Cimadevila, mentres que o chamativo cartel do evento foi elaborado polas alumnas María Araújo e Sofía Blanco.