O Campus ‘Verán Laranxa’ organizado por In.De.Po CF e Concello traerá fútbol e deporte para tod@s á Xunqueira durante o mes de xullo

49
  • O club manterá aberto ata o 30 de xuño o prazo para inscribirse no campus, que se desenvolverá nas instalacións deportivas Manolo Barreiro e que está destinado a nenos e nenas de 4 a 14 anos
  • A iniciativa, presentada por Tino Fernández e Marcos Rey xunto con Fernando Moreno e o ex granate Edu Sousa, incluirá charlas con futbolistas e adestramentos psicomotrices e de tecnificación

Sesións de tecnificación, adestramentos psicomotrices, excursións, actividades multideporte, xogos de auga e charlas con futbolistas compoñen o atractivo programa deseñado para o Campus Deportivo ‘Verán Laranxa’ 2021, que se desenvolverá ao longo do mes de xullo nos campos de fútbol Manolo Barreiro de A Xunqueira. O programa, organizado polo Integración Deportiva Pontevedra (In.De.Po) CF en colaboración coa Concellería de Deportes, está destinado a nenos e nenas de 4 a 14 anos (polo tanto, de categorías que van de Biberón ata Infantil) tanto propios como alleos ao club, establecendo prezos asequibles e promovendo a participación daqueles rapaces con máis dificultades económicas. 

Neste sentido, seguindo a filosofía que mantén o In.De.Po desde a súa fundación, haberá descontos para pais desempregados e reservaranse cinco prazas para pequenos en situación vulnerable beneficiarios dos Servizos Sociais Municipais. As actividades deste ‘Verán Laranxa’ foron presentadas esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; o presidente de Integración Deportiva CF, Fernando Moreno, e o ex gardameta do Pontevedra CF Edu Sousa.

Segundo explicou Tino Fernández, o campus “dividirase en dúas quincenas, podendo inscribirse en ámbalas dúas todo aquel que o desexe para desfrutar do mes enteiro, levándose a cabo de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas”. “O custe de cada quincena -indicou o edil socialista- terá dúas franxas principais en función da situación laboral dos pais: a xeral, de 40 euros por quincena máis 5 euros en concepto de seguro de accidentes, e a pensada para pais desempregados, de 30 euros por quincena máis os 5 de seguro. Ademais, no caso de que se inscriba a un irmán, este último terá un desconto do 50% por quincena”.

O tenente de alcalde salientou “a sorte de contar coas instalacións deportivas Manolo Barreiro para poder celebrar este campus, xa que polo seu emprazamento están moi próximos ao centro da cidade e dispoñen doutras áreas recreativas nos seus arredores”. Pola súa banda, Marcos Rey subliñou “o inxente labor que In.De.Po está a realizar para que tódolos nenos e nenas, con independencia da situación económica dos seus pais, poidan practicar fútbol e deporte, erixíndose non só como un club deportivo, senón tamén como unha oenegué que desenvolve un esencial labor social en Pontevedra”.

O exemplo de futbolistas profesionais e semiprofesionais

Tal e como precisou Fernando Moreno, “entre as actividades que se organizarán neste Campus ‘Verán Laranxa’ serán especialmente importantes as sesións técnico/tácticas de fútbol, atendendo sempre á idade d@s nen@s ás que vaia dirixida”, desenvolvéndose tamén accións de carácter lúdico como “xogos populares, xogos de auga ou unha excursión ao Lago de Castiñeiras” e sesións multideportivas “para que os rapaces coñezan e experimenten outras modalidades”. O programa contempla ademais charlas con futbolistas profesionais (caso de Edu Sousa) e semiprofesionais que achegarán aos pequenos as súas vivencias e que lles servirán de exemplo no deportivo e no persoal.

“Os grupos -aclarou Moreno- estarán compostos por bloques de idade, evitando que dentro de cada un existan diferencias maiores de dous anos. Atendendo aos actuais criterios sanitarios marcados pola evolución da pandemia, o número máximo de integrantes será o que a Consellería de Sanidade estipule para actividades non federadas ao aire libre (uns 10 nestes momentos), sen sobrepasar os 15 por monitor que permite a lexislación. In.De.Po aplicará o protocolo Covid-19 elaborado para este tipo de actividades”.

Edu Sousa salientou que este campus “é unha moi boa oportunidade para todos, xa que está ao alcance de todo o mundo”, facendo un labor esencial para as familias e para os rapaces, “que poderán coñecer a futbolistas profesionais e vivir experiencias inesquecibles”.

As inscricións no campus poderán realizarse a través dos teléfonos 641 69 72 04 (Fernando) e 676 37 16 26 (Damián), tendo de prazo os interesados ata o vindeiro mércores 30 de xuño. O presidente de In.De.Po indicou que o programa “conta cun ‘plan madruga’ para pais que entren a traballar ás 8:30 horas, polo que alí estaremos para recoller aos nenos que nos deixen”.