As infraestruturas centran a reunión de traballo entre o alcalde de Pontevedra e o delegado do Goberno

19
  • A licitación do nó de Bombeiros neste exercicio, a apertura parcipal do paseo peonil a Marín e a axilización das obras  do primeiro tramo e da licitación dos dous seguintes da A-57, foron os temas máis destacados dunha listaxe de 10 asuntos
  • Tamén se puxeron enriba da mesa cuestións como o traslado de Ence, apoio para a posta en valor do Museo de Pontevedra ou a situación da antiga sede de Facenda en San Francisco

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o delegado do Goberno, José Miñones, mantiveron esta mañá a primeira reunión protocolaria, que converteron en reunión de traballo na que, en palabras do alcalde “fixemos un repaso exhaustivo de todas as cuestións que teñen relación directa coa Administración central e que están pendentes de executar ou en execución”.

Segundo explicou Fernández Lores puxéronse enriba da mesa unha serie de asuntos que “desde o punto de vista municipal nos preocupan en Pontevedra”, entre os que citou en primiero lugar o paseo peonil a Marín, a circunvalación (A-57), e o nó de Bombeiros.

Sobre o nó de Bombeiros, ambos lembraron que existe unha reserva nos orzamentos do Estado de 2,3 millóns de euros (sobre 7 millóns totais) para iniciar esta actuación que, segundo confirmou José Miñones, será licitada ao longo do presente exercicio. O delegado do Goberno asegurou que se están pechando algunhas cuestións relacionadas con permutas de parcelas e que tamén influirá neste proceso a actual negociación con Audasa sobre as bonificacións da AP9.

En relación ao paseo peonil a Marín, Miguel Anxo Fernández Lores explicou que se está a estudar a fórmula xurídica para poder recepcionar a primeira parte da obra que xa está rematada, para que poida ser utilizada pola veciñanza. Nesta actuación queda pendente executar o segundo tramo, para o que se está traballando nunha modificación do proxecto  inicial, co obxecto de axustar os elementos de pilotaxe e de anclaxe. Ademais da recepción parcial da obra en execución, na xuntanza tamén se falou das dúas propostas presentadas polo Concello para continuar o paseo ata Marín, e que o delegado do Goberno se comprometeu a estudar na vindeira xuntanza mensual  coa Demarcación de Estradas.

Sobre a circunvalación (a vía de alta capacidade A-57), Fernández Lores solicitou “encarecidamente que se axilice o máximo posible” tanto o tramo que está en execución  (Vilabora – A Ermida) como a licitación dos dous seguintes tramos (A Ermida-Pilarteiros e Pilarteiros-Curro). Asegurou que esta infraestrutura é “unha preocupación máxima do Concello” e indicou que con todos os tramos operativos “é a única maneira de que funcione realmente como unha circunvalación e resolva o problema que conectaría os polígonos industriais da comarca con Vigo e Porriño a través de Vilaboa”. Neste punto lembrou que a primeria reunión como alcalde que mantivera sobre esta actuación fora no ano 2.000 e que 22 anos despois tan só está en execución o primiero tramo.

Ademais destas tres infraestruturas, na xuntanza tamén se trataron cuestións como o traslado de Ence, a situación da antiga sede de Facenda en San Francisco, diferentes cuestións relacionadas cos terreos de Costas como o by-pass de Mollavao ou o mantemento dos aparcadoiros de bordo, a retirada das instalacións de tráfico da Xunqueira de Alba, a solicitude para que o Ministerio de Cultura colabore na posta en valor do Museo de Pontevedra, a futura incorporación á cidade dos espazos militares en Campolongo e Mollavao, e a situación da transferencia da AP9 á Comunicade Autónoma de Galiza e a rebaixa das peaxes.