O Mercado sumarase ao Orgullo cunha semana de actividades diversas no Ganapán de Cores

16
  • Promoción Económica abre o prazo de inscricións para participar tanto nos habituais obradoiros de fin de semana como nos que se desenvolverán entre o 29 de xuño e o 4 de xullo
  • No programa inclúense talleres de elaboración de galletas arco iris, pizza diversa, pancakes multicolores e trufas de cores, así como de confección de pulseiras e abanos coloridos

Chega a semana do Orgullo LGBTIQA+ e o Mercado de Abastos está de celebración. Ademais dos habituais talleres de lecer infantil que se desenvolverán durante a fin de semana, o segundo andar da Praza municipal acollerá entre o martes 29 de xuño e o domingo 4 de xullo unha semana de actividades diversas organizadas baixo o epígrafe de O Ganapán de Cores. A Concellería de Promoción Económica e Turismo acaba de abrir o prazo de inscricións para asistir a todos estes obradoiros, destinados a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos, podendo reservarse praza ata o día anterior á xornada na que se desexa participar a través do correo electrónico oganapan@gmail.com.

A responsable do departamento municipal, a socialista Yoya Blanco, explica que “este enorme arco da vella de talleres de diversión que albergará O Mercado iniciarase o sábado 26 de xuño cun Espazo Gastro no que se elaborarán unhas deliciosas croquetas e un Espazo Crea no que os máis pequenos se mergullarán no mundo Mariño retratándoo cunhas creacións artísticas ben xeitosas”. Segundo sinala, “para o domingo 27 de xuño están previstos un taller de gastronomía do mundo, no que os rapaces viaxarán a Francia cunha receita dun ‘clafoutis’ de cereixa, un doce galo de nome un chisco complicado pero cociñado sinxelo e rápido; e outro no que se proporá a creación duns fantásticos e estrambóticos robots metálicos a partir de materiais de refugallo”.

Unha fin de semana máis, os obradoiros desenvolveranse en dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas, e a concelleira de Promoción Económica recomenda aos asistentes que non esquezan a súa friameira para levar a casa o que cociñen. As inscricións poderán realizarse ata as 16:00 horas do día anterior á xornada elixida.

O Mercado adentrarase de cheo na programación deseñada pola Concellería de Igualdade para este Orgullo 2021 co Ganapán de Cores a partir do martes 29 de xuño, día no que se convidará aos pequenos a elaborar galletas arco iris e pulseiras coloridas. O mércores 30 de xuño celebraranse obradoiros de ‘Pintura con moito orgullo’ e de cociñado de trufas de cores, mentres que para o xoves 1 de xullo e o venres 2 de xullo, faranse receitas de pizza diversa e gofre de tempada e deseñaranse móbiles do arco da vella para colgar das fiestras e abanos de cores para mitigar a calor do verán.

Para esa fin de semana, a do sábado 3 de xullo e o domingo 4 de xullo, a proposta do Ganapán de Cores plantexa a elaboración de ‘pancakes’ multicolores e dunha torta de fin de festa e de talleres creativos nos que se ensinará aos nenos a ver(se) e a mirar(se) con espellos e contos e a comprender as sensacións que lles transmiten as cores.

Darase prioridade aos rapaces que non participaran anteriormente

Tal e como apunta Yoya Blanco, “as inscricións para estas actividades especiais do Orgullo poderán realizarse ata as 20:00 horas do día anterior ao do desenvolvemento da actividade, remitindo no correo electrónico o nome e apelido do rapaz, idade, teléfono e día e hora no que queren inscribirse e indicando se é para o Espazo Crea ou Gastro”. “Debido ás restricións por mor da Covid-19 -aclarou o edil do PSOE- temos prazas limitadas e darase prioridade aos nenos e nenas que non tiveran participado en ningún obradoiro nas últimas dúas semanas. As prazas restantes encheranse por estrita orde de chegada da solicitude e en función da última vez na que tiveran participado. Aquelas persoas que se inscribiran e que non acudiran ao taller solicitado (e non avisaran da súa ausencia) deberán agardar un mes para poder realizar unha nova inscrición”.

As persoas solicitantes que finalmente entren no obradoiro terán a notificación por correo electrónico como máximo o día anterior á realización da actividade.