Promoción Económica abre o prazo de inscrición para participar nun novo curso de Operador de Carretillas Elevadoras impartido por Ara Formación

23
  • A actividade formativa, de 24 horas de duración, desenvolverase entre os días 5 e 10 de xullo e destínase de xeito prioritario a persoas desempregadas empadroadas no noso concello
  • A parte teórica do curso será impartida de luns a venres en horario de 9:30 a 13:00 horas, mentres que a parte práctica terá lugar na xornada do sábado, entre as 8:00 e as 15:00 horas

Tralo rotundo éxito do primeiro curso organizado entre os 14 alumnos que o completaron e a elevada demanda existente deste tipo de formación, a Concellería de Promoción Económica e Turismo decidiu poñer en marcha unha nova actividade formativa de Operador/a de Carretillas Elevadoras en colaboración co centro Ara Formación. O novo curso presencial tamén será impartido totalmente de balde e terá unha duración de 24 horas, desenvolvéndose entre os días 5 e 10 de xullo: a parte de coñecementos teóricos de luns a venres en horario de 9:30 a 13:00 horas e a parte práctica na xornada do sábado, entre as 8:00 e as 15:00 horas.

A Concellería que dirixe a socialista Yoya Blanco abriu hoxe o prazo de inscrición para esta formación, que, tal e como subliña a edil, “está destinada de xeito prioritario a persoas desempregadas empadroadas no noso concello”. “As inscricións poderán realizar a través da dirección de correo electrónico administracion@proxectoiles.es, indicando no asunto ‘Ref: Carretillas’ e proporcionando a seguinte información: nome e apelidos, DNI, dirección postal, número de teléfono, e-mail e antigüidade como desempregado”, explica Blanco.

Ao igual que no primeiro curso, os alumnos participantes poderán recibir formación teórica en aspectos como a condución en baleiro e con carga; operacións de elevación; utilización de accesorios especiais para unidades de carga determinadas; cargas oscilantes ou con centro de gravidade variable; elevación de persoas; tipos de estantes e sistemas de almacenaxe; mantemento preventivo típico (rodas, niveis…); equipos de protección individual; estacionamento da máquina en aparcadoiro, ou procedementos a seguir no caso de producirse situacións de risco, retención do operador…

No que atinxe á parte práctica, o alumnado terá ocasión de reproducir manobras sen carga, desprazamentos en ámbalas direccións, velocidades, xiros, freadas, utilización en ramplas; manobras semellantes con carga; carga e descarga de camións, colocación e retirada de cargas en estantes, apiñado e retirada de cargas en superficie libre; manobras extraordinarias tales como cargas de dimensións ou características fora do habitual pola súa lonxitude e forma; ou o manexo dunha carga simultánea con dúas carretillas (contidos axustados aos establecidos na Norma UNE 58451:2012, de Formación dos Operadores de Carretillas de Manutención ata 10.000 kg).