Unhas 400 deportistas procedentes de toda España e Portugal participarán o domingo no Gran Premio Cidade de Pontevedra de Ciclismo

270
  • Trátase da quinta proba puntuable da Copa de España Féminas Cofidis e nela competirán ciclistas de diferentes categorías: Cadete, Júnior, Elite, Sub 23 e Máster 30, 40, 50 e 60
  • A carreira ciclista foi presentada esta mañá na Praza de España nun acto no que participaron o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e o delegado territorial da Xunta, Luis López

Unhas 400 deportistas chegadas de toda España e Portugal participarán esta fin de semana no Gran Premio Cidade de Pontevedra de Ciclismo, a quinta proba puntuable da Copa de España Féminas Cofidis. O evento, que terá lugar o domingo 27 e que está organizado pola firma Noko 360 Sports Consulting en colaboración coa Concellería de Deportes, as federacións galega e española de Ciclismo e a Xunta de Galicia, contará cos mellores equipos nacionais de ciclismo feminino, así como coas líderes provisionais das diferentes categorías en competición: Cadete, Júnior, Elite, Sub 23 e Máster 30, 40, 50 e 60.

Desde as 9:00 horas, os afeccionados poderán desfrutar de oito horas de espectáculo, con tres carreiras, nas que as deportistas deberán completar un percorrido entre Pontevedra e Marín, ao que darán varias voltas en función da súa categoría (sendo a derradeira volta máis longa), sendo de 104 kilómetros para as féminas da categoría Elite e Sub 23, de 75 kilómetros para as da Júnior e Máster de 44 para as da Cadete. Unha subida final será o punto máis duro da proba, tendo que superar unha cota de montaña de 1,3 kilómetros e ramplas do 6,4% de desnivel como a do Alto da Porteliña.

A carreira foi presentada esta mañá na Praza de España nun acto que estivo conducido polo presentador Terio Carrera e no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López; o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes; o voceiro da Federación Galega de Ciclismo Jacobo Ucha; o responsable de Noko 360 Serafín Martínez e tres ciclistas galegas de equipos inscritos na Real Federación Española de Ciclismo que tomarán parte na proba: Sabela Rey, do Farto Team (equipo ‘anfitrión’); Cristiña Torres, do Lasal Cociñas Louriña, e Elsa e Claudia Portela Rodríguez, do Club Ciclista Vigués. Segundo subliñou Tino Fernández, a actual normativa autonómica esixe un test de antíxenos ou PCR realizado entre 72 e 24 horas antes da proba, polo que “o evento contará cun protocolo Covid-19 específico e por suposto obrigarase a que tódalas participantes presenten un test negativo”.

O tenente de alcalde lembrou que Pontevedra “aposta polo deporte base e polo deporte feminino desde hai moitos anos, o que pouco a pouco se ve reflectido en éxitos, como contar cun equipo profesional de ciclismo feminino (o Farto), unha padexeira a piques de ser olímpica e unha dobre campioa de España de maratón á que imos recibir de novo nestes días”. Fernández amosouse convencido de que esta proba “vai ser un éxito”, cun nivel de inscricións “moi elevado” e augurou que a colaboración entre administracións “nos permita aspirar a acadar cotas máis altas no eido do ciclismo e continuar a ser referentes estatais a nivel deportivo”.

Luis López afirmou sentir “unha envexa” polas deportistas participantes, “non tanto pola súa idade como polo deporte que practican, que é unha das miñas grandes afeccións”, ao tempo que lles amosou a súa “admiración por todo o sacrificio que conleva”. Tal e como apuntou, “a colaboración entre administracións vai conseguir consolidar esta proba” e “agora que se respira certo alivio nas restricións, a celebración destes eventos é de suma importancia para botar isto a andar”. “Os vosos éxitos -apuntou- serán os nosos, os de Pontevedra e de toda Galicia”.

O representante da Federación Galega, Jacobo Ucha, seleccionador da mesma, amosou a ledicia da entidade federativa “porque volva celebrarse na nosa Comunidade unha proba da Copa de España, xa que a última foi en 2017”. Ao xeito de entender, “o pulo do ciclismo do ciclismo feminino non ten parangón, é impresionante, facéndose o dobre de inscricións que hai uns anos e co Farto como primeiro equipo feminino continental de ciclismo que ten Galicia, o Lasal Cociñas Louriña realizando unha forte aposta e o Club Ciclista Vigués traballando moito na formación”.

Pola súa banda, Serafín Martínez salientou que “o 90% da participación neste evento será foránea” e fixo unha chamada de tranquilidade á cidadanía, garantindo que o traballo da Policía Local e a Garda Civil permitirá que o desenvolvemento das carreiras se faga “coa menor molestia posible para os condutores”.

Sabela Rey, do Farto Team, que competirá en categoría Sub 23, asegurou estar moi emocionada cun “debut en casa” que supón “un sono cumprido” e avanzou que ela e as súas compañeiras chegan “moi motivadas e fortes, con gañas de amosar o que podemos facer en Pontevedra e para dar, non o 100%, senón o 150%”. Con optimismo tamén afrontan a proba Cristina Torres, do Lasal Cociñas Louriña, que está convencida de “facelo ben”, e as xemelgas Elsa e Claudia Portela Rodríguez, do Club Ciclista Vigués, quenes matizaron que “levamos bastante tempo sen correr, así que iremos ao que saia”.