A renovación do parque infantil da pasarela da rúa José Adrio permitirá ampliar a súa zona de xogos

21
  • Desenvolvemento Sostible investirá máis de 40.000 euros neste proxecto, que incluíu a restauración do pavimento para mellorar as condicións de amortecemento dos impactos e caídas
  • Iván Puentes agarda que os máis pequenos poidan volver a empregar a área de lecer restaurada “a vindeira semana, antes de comezar os traballos de ampliación da zona de xogos”

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, achegouse esta mañá ata a pasarela da rúa José Adrio (12 de Novembro), acompañado polo xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, para supervisar a boa marcha das obras de restauración do seu concorrido parque infantil, completamente valado desde hai uns días. A última modificación de crédito impulsada polo equipo de Goberno permitiu duplicar a achega económica que inicialmente se ía destinar a este proxecto, situando o investimento en máis de 40.000 euros e traducíndose, ademais de na renovación do pavimento e doutros elementos deteriorados, nunha ampliación da actual zona de xogos.

Ao igual que vén acontecendo noutras áreas de lecer infantil restauradas recentemente, esta actuación tamén se orientou a acadar a certificación da Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) en materia de seguridade para o parque da pasarela. Os traballos están a ser executados pola firma Lappset España, centrándose nesta primeira fase na renovación de todo o pavimento e a restitución de diversos elementos de xogo das dúas estruturas con forma de tren existentes.

Tal e como subliñou Iván Puentes, “o pavimento desta zona de lecer atopábase realmente deteriorado polo seu uso intensivo” e coas obras en marcha “puidemos non só restauralo, senón mellorar as súas condicións de amortecemento dos impactos e caídas e, en consecuencia, a seguridade e integridade dos nenos”. Esta intervención contemplou a retirada de todo o chan, a limpeza do recheo e o acondicionamento da base para botar un novo pavimento de seguridade conformado por dúas capas: a inferior de pranchas de goma SBR (caucho estireno-butadieno), cun grosor que permite amortecer os impactos dende altura, e a superior de EPDM, un tipo de caucho de polietileno de moi alta elasticidade e resistencia e con boas propiedades fronte a auga e os axentes atmosféricos.

O proxecto tamén incluíu a restauración do contrachapado de entrada ao túnel e dunha zona de chan de madeira de 0,60×1,20 metros, a renovación dos prismáticos e das redes de acceso á torre de vixía e a restitución de elementos de xogo en mal estado, así como o cambio de parafusos e pezas de ancoraxe e a recolocación do cartel. Segundo sinalou Iván Puentes, “grazas á modificación de crédito tramitada hai unhas semanas poderemos ademais ampliar a área de xogo deste parque infantil, dotándoo de varios elementos moi demandados polos máis pequenos e as súas familias, como novos bambáns, resortes ou unha cesta-randeeira, entre outros”.

Máximas garantías de seguridade para os rapaces

Non obstante, ao igual que nas restantes actuacións que a Concellería de Desenvolvemento Sostible está a efectuar nos parques infantís da cidade, “o principal obxectivo desta intervención de mellora integral é cumprir cos parámetros que se nos recomendaron a raíz dunha auditoría previa realizada pola empresa Solucións Técnicas de Ocio (STO), contratada para estudar as condicións de seguridade das zonas de lecer, verificar que respecten a normativa europea UNE-EN 1176 e o Decreto autonómico 245/2003, valorar as reparacións que sexan necesarias e emitir os certificados da ENAC unha vez que cumpren coas directrices”. 

“Queremos dispor de parques infantís coas máximas garantías de seguridade para os rapaces, nos que se reduzan ata a mínima expresión as posibilidades de que se produzan accidentes por atrapamentos de cabeza, pescozo ou dedos, impactos por caídas ou feridas provocadas por elementos de madeira ou metal en mal estado. Para logralo, faremos que tódalas áreas de xogo conten con certificados ENAC renovados ano a ano”, afirmou Iván Puentes.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible agarda que os máis pequenos poidan volver a empregar a área de lecer completamente restaurada “a vindeira semana, antes de poñer en marcha os traballos de ampliación da zona de xogos”.