Benestar Social segue a rachar barreiras para as persoas con diversidade sensorial coa instalación de bucles magnéticos en Rexistro e Fontoira

151
  • O novo servizo, presentado esta mañá polo concelleiro socialista Marcos Rey e pola presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, enmárcase dentro do programa municipal Comunico
  • Os bucles facilitarán as tramitacións administrativas a persoas que teñen perda de audición, con ou sen prótese auditiva. Uns letreiros indicativos informan da dispoñibillidade dos aparellos

O Concello de Pontevedra continúa a situarse na vangarda no que atinxe ás políticas destinadas a rachar coas barreiras das persoas con diversidade sensorial, mellorar a súa calidade de vida e acadar a súa plena integración. A Concellería de Benestar Social acaba de dotar ás oficinas do Rexistro Xeral e os Servizos Sociais (Chalé de Fontoira) de sendos bucles magnéticos que facilitarán a realización dos trámites burocráticos a persoas que teñen perda de audición, con ou sen prótese auditiva.

O novo servizo, que foi presentado esta mañá polo edil responsable da área, Marcos Rey; o tenente de alcalde, Tino Fernández; a presidenta da Asociación da Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (Xoga), María Jesús Monterde; a vogal do colectivo Pilar Iglesias (que estreou o aparello), e unha intérprete de lingua de signos, enmárcase dentro das accións deseñadas dentro programa municipal Comunico, co que o socialista pretende promover a equidade e a accesibilidade universal en tódolos eidos da administración, mellorar a calidade de vida das persoas con perda auditiva e acadar a súa plena integración. Segundo indicou o concelleiro de Benestar Social, a súa intención é estender “a todos ou a meirande parte dos edificios públicos municipais” estes aparellos portátiles, cuxa presencia e dispoñibilidade “está indicada por uns letreiros informativos”.

“Un bucle magnético -explicou Rey- é un sistema de son que transforma o sinal de audio que todos podemos ouvir nun campo magnético captado polos audífonos e implantes cocleares dotados de posición T. Estas próteses teñen unha bobina que transforma o campo magnético novamente en son illado de reverberacións e ruído ambiente. O usuario recibe un son limpo, nítido e cun volume axeitado. Existe a posibilidade de facer instalacións fixas ou de colocar sistemas portátiles, como estes que agora temos no Rexistro e en Fontoira”.

Tal e como aclarou María Jesús Monterde, “estes bucles magnéticos portátiles ou bucles de indución móbil son uns dispositivos profesionais que se poden utilizar amplamente en edificios públicos, oficinas, tendas de venda ao público, vehículos e outras salas nas que sexa necesario entrar en contacto con persoas que teñen problemas de audición”. A presidenta de Xoga sinalou que “o dispositivo ten un bucle de indución incorporado, que transmite ao receptor un sinal amplificado e dirixido desde un micrófono interno ou externo”. “Dito bucle -matizou- ten dúas entradas de audio para conectar: un micrófono externo ou outra fonte de audio como TV, tableta, mp3, ordenador… O bucle incorporado proporciona un rango de aproximadamente un metro”.

Marcos Rey precisou que o dispositivo “subminístrase con baterías recargables, que proporcionan unhas cinco horas de funcionamento continuo” e que “o seu pequeno tamaño (250x220x7 mm) e peso (750 gramos) fan que sexa fácil movelo dun lugar a outro de xeito rápido e eficiente”. O equipo tamén pode empregarse de forma estacionaria nun lugar determinado usando unha fonte de alimentación e un soporte que pode fixarse permanentemente ao chan. Está especialmente pensado para persoas con perda auditiva que teñan un audífono ou un procesador de son con opción de bobina telefónica (T-COIL), pero tamén para aquelas que aínda non utilizan audífonos, ao dispoñer dun auricular externo con control de volume individual.

Entre 8.000 e 9.000 usuarios potenciais no noso concello

Entre as características do produto, que se tivo que adquirir en Polonia, inclúese a dotación de dúas entradas de jack (unha para micrófonos e outra para fonte de audio externa, control de ton e volume do bucle (potencia), control de volume para a fonte de audio externa, indicador visual (díodo) de nivel/potencia de campo magnético e indicador visual (LED) de batería baixa. María Jesús Monterde calcula que este servizo ten entre 8.000 e 9.000 beneficiarios potenciais só no noso concello, xa que “hai moitas persoas con perda auditiva que teñen problemas para escoitar aos funcionarios cando hai outra xente falando, coas mascarillas e as mamparas de por medio (de feito, unha cidadá xa o empregou durante o propio acto de presentación para realizar un trámite)”.

O concelleiro de Benestar Social lembrou que “o programa Comunico acadará o vindeiro mes outro fito na loita contra as barreiras que sofren as persoas con diversidade sensorial, ao estrearse no Pleno da Corporación de Pontevedra a presenza dunha intérprete de lingua de signos (Ilse), que fará accesibles os debates ás persoas xordas”. Neste sentido, Rey subliñou que o seu departamento ten a intención de normalizar a presenza dos intérpretes de lingua de signos en todo tipo de eventos e actividades de carácter protocolario.

Entre as asistencias ofertadas dentro do proxecto Comunico tamén se inclúe un Servizo de Interpretación e Mediación para a realización de trámites administrativos (cuxa demanda se xestiona, ao igual que as solicitudes de información dos usuarios, a través da dirección de email comunico@pontevedra.eu). Asemade, a Concellería Benestar Social tamén está a promover o emprego de máscaras comunicativas para a poboación xeral e o deseño de páxinas web de consulta reiterada con parámetros de accesibilidade.

O obxectivo último do programa municipal é previr situacións de vulnerabilidade, abandono e illamento e garantir o acceso e o exercicio dos seus dereitos á cidadanía con diversidade sensorial en condicións de equidade.