O Concello pon en marcha ‘Experiencia Pontevedra’, unha gran exposición retrospectiva sobre a cidade

25
  • O vindeiro luns dará comezo un ‘Lab’ específico para esta iniciativa e no que participarán ao redor dunha trintena de pontevedreses e pontevedresas de diferentes disciplinas relacionadas coa cultura
  • ‘Experiencia Pontevedra’ será unha mostra “máis para vivir que para visitar” e a previsión é inaugurala despois do Salón do Libro de 2022

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, anunciou esta mañá que o Concello arranca a partires do vindeiro luns o proxecto expositivo ‘Experiencia Pontevedra’. Segundo indicou a concelleira “en 2022 teremos unha exposición sobre Pontevedra que, máis  que para visitar, vai ser para vivila” e que, para facela posible, se inciará un proceso de participación que contará coa implicación dos e das axentes culturais da cidade. “Para comezar a traballar hai que comezar polo principio, e para nós o principio é a participación” asegurou Carme Fouces. 

Así, a vindeira semana terá lugar na cidade un ‘Lab’ específico para esta iniciativa e no que participarán ao redor de 30 persoas representativas de diferentes ámbitos culturais como o xornalismo, as institucións, as empresas privadas ou o eido sociocultural. “A forza deste Lab está na presenza das persoas que o conforman” afirmou Carme Fouces, ao tempo que salientou que “nunha cidade como Pontevedra, na que se leva traballando no ámbito da Cultura desde hai tempo, somos quen de conformar un Lab destas características sen moito esforzo e no que todo o mundo terá moito que aportar”.

“Cando esta exposición sexa realidade queremos que se viva doutra maneira, que sexa máis cercana ás sensancións e ás emocións” explicou Carme Fouces, quen insistiu que a través do proceso participativo no Lab “pretendemos que a xente se apodere do proxecto, se sinta partícipe e representada e que, dalgunha maneira, se sinta dona e protagonista da propia exposición”.

Carme Fouces explicou que ‘Experiencia Pontevedra’ se concibe como “unha experiencia única, unha exposición contemporánea, na que se implementen elementos interactivos, tecnoloxía e entremento”. Indicou que “o espazo dixital vai convivir co espazo presencial” e que “será unha exposición que falará da cidade e abordará unha restrospectiva pero que tamén analizará as tendencias do futuro, e sobre todo utilizará a metodoloxía expositiva máis actual e contemporánea”.

O proxecto, que arranca cos primeiros traballos o vindeiro luns 28 de xuño, continuará ao longo do exercicio 2021 e no primeiro trimestre do 2022, coa previsión de inaugurar a exposición ‘Experiencia Pontevedra’ unha vez rematado o Salón do Libro do vindeiro ano e mantela aberta ata final de 2022.