O Consello Parroquial de Lérez a prol da proposta municipal da Variante de Alba

10
  • Os membros do Consello reuníronse cos concelleiros Demetrio Gómez e Pilar Comesaña para coñecer polo miúdo esta proposta e trasladarlles a solicitude de que se acometa esta actuación canto antes 
  • A proposta municipal proxecta unha vía apegada ao terreo con dous carrís de circulación, rotondas para calmar o tráfico, senda peonil e ciclista, pasos sobreelevados e iluminación

O concelleiro de Obras e Transporte, Demetrio Gómez, e a concelleira da parroquia de Lérez, Pilar Comesaña, reuníronse na tarde de onte co Consello Parroquial desta parroquia para explicarlles de primeira man a proposta do Concello para a Variante de Alba e recoller a postura da veciñanza ao respecto. Tras unha explicación exhaustiva de todos os aspectos relevantes do proxecto por parte dos concelleiros, os membros do Consello Parroquial non só manifestaron o seu acordo a prol da proposta municipal, senón que trasladaron a súa solicitude de que se acometa a actuación canto antes.

A proposta do Concello baséase na creación dunha vía con características urbanas, con dous carrís de circulación (un en cada sentido), con elementos de calmado do tráfico, senda peonil e ciclista, pasos sobreelevados e iluminación. Así, os cruzamentos resólvense con 4 rotondas para calmar o tráfico e manter os circuítos peonís. Leva 8 elementos de calmado de tráfico (lombos), con limitación da velocidade a 30km/h, e 6 lombos nas vías perimetrais. O proxecto tamén propón a instalación de alumeado e recolle a construción dun viaduto para salvar o trazado do ferrocarril, da autoestrada e a vía de servizo da autoestrada na parte máis boscosa da parroquia de Lérez. 

Esta proposta implica eliminar as características de autoestrada (que era a proposta da Xunta) e convertela nunha rúa con tráfico calmado, con cabida para a mobilidade peonil e ben alumeada.