- O galardón foi recollido polo Gremio de Mareantes nunha cerimonia celebrada na desembocadura do río dos Gafos e na que participaron representantes de Aempe, Aje e Hoempo
- A concelleira de Promoción Económica aproveitou o evento para anunciar que ‘Robin Food’ “non poderá estar na Batalla das Cunchas… Pero xa atopamos substituto: Carlos Maldonado”
Nunha cerimonia que se desenvolveu na desembocadura do río dos Gafos (no Monte do Taco), a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, entregou esta mañá ao Gremio de Mareantes o primeiro Premio Gastronómico Loureiro de Ouro, outorgado ao barrio da Moureira pola súa achega histórica á gastronomía da cidade. No acto, no que tamén participaron o tenente de alcalde, Tino Fernández; o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes; o experto en antropoloxía Valentín García Bóveda; o profesor do CIFP Carlos Oroza e asesor de Capital Gastro Ricardo Fernández; o presidente do Gremio de Mareantes, José Luis Arellano, e varios membros do mesmo, e representantes dos colectivos Aempe, Hoempo e Aje, a edil do PSOE salientou que “xa chegaba o momento de crear un premio gastronómico de Pontevedra, que poña en valor todo aquilo que fai a nosa gastronomía máis grande e recoñeza o traballo dos nosos cociñeiros e do conxunto do sector”.
“Por que ‘Loureiro de Ouro’? Porque o loureiro -explicou Yoya Blanco- é, na súa humildade, un dos ingredientes máis identitarios da nosa cociña. Sen el, os sabores máis arraigados no padal dos pontevedreses e dos galegos serían outros”. Tal e como subliñou, “nesta primeira edición consideramos prioritario recoñecer ao barrio da Moureira con este Premio Gastronómico Loureiro de Ouro, polo seu valor histórico e gastronómico: Pontevedra non sería o que é agora mesmo sen este barrio e para rememorar os ‘porqués’ o noso querido Valentín García Bóveda vainos convidar a realizar un pequeno percorrido a través da memoria”.
García Bóveda apuntou que “recibir un Loureiro de Ouro é ser ‘laureado’, mais na nosa tradición ese loureiro tamén é o sitio por excelencia onde desfrutar do viño novo, viño que tanto deu de comer na Moureira, que co seu traballo e coñecementos fixo medrar á vila enteira”. Segundo sinalou Bóveda, “cómpre lembrar que A Moureira tivo o poder de converter a un cabaleiro da montañana como Xoán da Nova en almirante da mar e mesmo en alcalde de Lisboa” ou “parir e forxar a un Sarmiento de Gamboa que, amais de almirante, foi poeta e historiador en maior medida e, como bo galego, tamén bruxo, o que lle custou uns azoutes da Inquisición”.
O empresario cultural e experto na posta en valor da Memoria lembrou que a Unesco, na súa Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, asinada en 2003, considera Patrimonio Inmaterial, entre outras cousas, as tradicións e expresións orais, incluído o idioma, as artes tradicionais, os usos sociais, rituais e actos festivos, os coñecementos e usos relacionados coa natureza e as técnicas artesanais tradicionais, “polo que, como se pode apreciar, este Loureiro xustifica a entrega con acuse de recibo”. “A Festa das Cunchas achéganos a unha cultura transmitida de maneira informal, en tódolos ámbitos da vida cotiá. Chegará pois até onde queiramos todas e todos que chegue… A participación activa da cidadanía constitúe o complemento necesario para dar un sentido completo a esta xeira que vén de comezar hoxe”, afirmou Valentín G. Bóveda, quen pechou a súa intervención dicindo “o que calquera arxentino leva soñando toda a vida poder berrar: “Que vivan as Cunchas! Que viva A Moureira!”.
O Avoafest, un xeito de recuperar o receitario ancestral das avoas
Yoya Blanco, mestra de cerimonias e patroa maior da Banda Cociñas de Pontevedra, asegurou que “un dos fundamentos e eixos vertebradores deste Pontevedra Capital Gastro que estamos a poñer en marcha este ano é a recuperación do receitario ancestral, mesmo coa organización doutro evento gastronómico chamado Avoafest, que tamén se celebrará durante o verán”. A concelleira de Promoción Económica deulle paso a Ricardo Fernández, asesor da iniciativa municipal, e que precisamente estaba a levar a cabo un proxecto nese sentido co seu alumnado do CIFP Carlos Oroza.
Partindo dunha recente conversa co seu fillo maior, “que acaba de chegar de estudar fora, de San Sebastián, un sitio onde non se come mal” e que, ao recollelo no avión, unha das primeiras cousas que lle preguntou foi “cando imos á casa da avoa?”, o profesor de cociña asegurou que “nese ‘cando imos á casa da avoa?’ hai algo máis que o desexo de ver á avoa e ao avó, que é o desexo de comer a cociña da avoa”. “Hai tres anos cruzouse con nós polas redes sociais un proxecto que se chama ‘Los Recetarios’ -sinalou Ricardo Fernández- consistente na recuperación de receitas antigas das avoas, nais e tías, que están no saber popular das cociñas das casas e en moitos casos conservados en papeis cheos de graxa con faltas de ortografía. Pareceume moi interesante, comecei a introducilo nas miñas clases do CIFP Carlos Oroza e agora teño un pequeno exército de entre 15 e 20 alumnos tódolos cursos recuperando estas receitas”.
Unha iniciativa que terá o seu punto álxido o curso que vén, cando pase a pandemia, “traendo ás avoas para que cociñen cos seus netos no propio CIFP e servíndolles os pratos ás avoas e familiares dos alumnos do centro”, un evento “moi importante para nós para frear esa perda de información do receitario tradicional”.
Iñaki Bretal fixo entrega do Loureiro a José Luis Arellano
O primeiro Premio Loureiro de Ouro ao barrio da Moureira foi entregado por Iñaki Bretal, membro da Banda Cociñas e primeiro Estrella Michelin de Pontevedra, e recollido polo Gremio de Mareantes na persoa do seu presidente, José Luis Arellano Guiance, quen salientou que “grazas a este barrio, a Pontevedra mariñeira do medievo converteuse na capital máis rica de toda Galicia”. “Nesa época, o Gremio de Mareantes chegou a ter máis membros que habitantes tiña A Coruña: éramos máis de 2.000 nós aquí e na Coruña había 600 habitantes. Desde o peirao da Moureira partían barcos cara lugares inhóspitos e regresaban aquí produtos de moitas partes do mundo. Grazas á xente do barrio conta Pontevedra coa Real Basílica de Santa María A Maior do Mareantes, emblema e orgullo da nosa cidade que se erixiu coas achegas dos ‘mareantes’ ao longo dos séculos. Outro fito que moita xente ignora é que a primeira ponte da Barca entre Poio e Pontevedra foi construída en madeira polo Gremio de Mareantes”, narrou Arellano.
O presidente do Gremio asegurou que “hoxe en día o barrio da Moureira non ten nada que ver co que foi, pero aínda conserva algunhas casas e rúas que conservan o espírito mariñeiro e que nos lembran o seu distante pasado” e o Gremio encárgase de “evocar e manter vivos os ideais mariñeiros e tradicións laborais”. José Luis Arellano amosou o seu agradecemento ao Concello por este Premio, “que agardamos sexa o primeiro doutros moitos”.
Carlos Maldonado, un Estrella Michelin saído de Masterchef
Yoya Blanco aproveitou este acto “para falar da Festa das Cunchas, na que estamos inmersos, e realizar un importante anuncio en relación á Batalla das Cunchas que celebraremos o vindeiro mércores na Alameda ás 18:00 horas e coa que pecharemos esta festividade inaugural protagonizada polos mariscos de cuncha da nosa ría: o cociñeiro e showman David de Jorge, ‘Robin Food’, non vai poder asistir finalmente por motivos de axenda… Pero xa atopamos a alguén de altísimo nivel para substituílo, que é Carlos Maldonado”. “Un rapaz nado en Talavera que estivo deambulando dunha profesión a outra ata que descobreu a súa infinita paixón pola cociña, gañou Masterchef 3 e mudou para sempre a súa vida, formándose nas artes culinarias do Basque Culinary Center, percorrendo toda España coa súa ‘cociña gambeirra’, inaugurando en 2017 o seu restaurante Raíces, sendo finalista do prestixioso Premio Cociñeiro Revelación Madrid Fusión, gañando o Premio Newcorred ao Emprendedor do Ano, conquerindo o seu primeiro Sol na Guía Repsol e Bib Gourmad da Guía Michelin e, máis recentemente, acadando unha Estrella Michelin”, expuxo a socialista.
Tralo anuncio de Maldonado, procedeuse ao sorteo da Batalla das Cunchas, no que está implicada de cheo a Banda Cociñas de Pontevedra, o noso ‘dream team’ de chefs conformado por: Marta Santiago, de A Fervella; Adrián Redondo, de Alcrique; Pablo Romero, de Bagos; Carlos Barreira, de Bocarte; Carmen Canabal, de Causa Street Food; Rubén González Vallejo, de El Cafetín; Vicente Tortajada, de La Culpa de la Gula; Marcos Romero, de Mar de Fóra; Marta García, de Meigas Fóra; Iñaki Bretal, de O Eirado da Leña; Sergio Roma, de O Souto, e Toño Mora e Andrés Muñoz, de Padal da Santiña. Tal e como avanzou Yoya Blanco, “serán eles os que se enfronten defendendo cada un dos oito mariscos protagonistas desta Festa das Cunchas, pero como só hai 12 cociñas, fixemos un sorteo, no que teremos por un lado os nomes dos cociñeiros nunha bolsa e polo outro os nomes dos mariscos na outra”.
O resultado do sorteo foi o seguinte: a zamburiña tocoulle ao cociñeiro Vicente Tortajada; o mexillón a Marta Santiago; a ameixa a Pablo Romero; a vieira a Adrián Redondo; o berberecho a Marta García; a escupiña a Andrés Muñoz e Toño Mora; o ostrón a Rubén González, e a navalla a Sergio Roma. Como colofón desta cerimonia de entrega do Premio Gastronómico Loureiro de Ouro, a chef Marta Santiago, de A Fervella, ofreceu unha mexillonada a tódolos asistentes coa axuda dos seus compañeiros da Banda Cociñas. “Festa, ledicia e bo comer!”, arengou a patroa maior, Yoya Blanco.