Entre as 20 e as 21.30 horas a concelleira Anabel Gulías explicará que Redeira é un espazo de pensamento e conexión que se artella a través dun peto colaborativo entre as persoas do Concello.
A Concellaría de Promoción da Cidade que xestiona Anabel Gulías organiza o vindeiro martes, 29 de xuño, entre as 20 e as 21.30 horas o primeiro encontro presencial da rede cidadá “A Redeira”, unha vez que se vai controlando a Covid. O propósito desta cita é explicar en que consiste A Redeira como espazo de pensamento, conexións e rede que se artella a través dun peto colaborativo entre as persoas do concello.
Un dos elementos clave deste movemento cidadá é achegar ideas para construír a contorna que desexada. Polo tanto, durante este encontro, achegaranse ideas e propostas para estes novos tempos onde máis que nunca son esenciais as redes de colaboración e axuda mutua.
Unha cacharela é morea de leña ou outro combustible que arde e fai laparada. Baixo esta metáfora serán as persoas participantes as que acendan as brasas para esta nova volta da Redeira.
Tamén será unha oportunidade para coñecer de primeira man a algunhas das participantes do proxecto da Redeira A Toda Vela. Trátase dun programa de acompañamento personalizado para quen teña un proxecto, unha idea ou ganas de avanzar no seu desenvolvemento persoal. Daranse a coñecer casos de persoas que xa participan nel para saber como lles está a axudar e promover que outras poidan sumarse para seguir creando redes de colaboración.
Así mesmo, aproveitarase para coñecer a experiencia dalgunhas das redeiras máis activas. Por exemplo o equipo que fai parte do movemento De Vella A Bella cuxo obxectivo é promover a cidadanía activa na xeración 60 Plus.
Outro dos puntos que se abordará no encontro serán os novos pasos do avance de A Redeira para os próximos meses. Explicarase en que consistirán iniciativas como Bruxuleando para intercambiar coñecementos e inquedanzas entre persoas emprendedoras, profesionais e empresas coa colaboración da Asociación Pontebrújula.
Ao final ese é o obxectivo da Redeira: crear redes entre persoas e construír un espazo de pensamento mediante a mobilización da cidadanía.
Para asistir é preciso inscribirse nesta ligazón:
Saúdos ;-))