A Estación de bombeo xa ten en marcha as 4 novas electrobombas logo de pechar Pontillón o pasado 5 de xuño

18

A instalación de Monte Porreiro dotouse con 4 novas bombas de succión (das 6 que dispón) que se instalaron en tempo récord para que puideran estar en marcha neste verán. O investimento superou os 850.000 euros.

Pontillón está pechado como reserva de auga dende primeiros de mes e a captación de auga potábel xa se fai dende o Lérez coas novas bombas. O caudal actual do río é o maior dos últimos 5 anos.

A Estación de bombeo de auga potábel de Monte Porreiro xa ten en marcha as catro  novas electrobombas de succión do río Lérez, logo de que o pasado 5 de xuño se activase a captación do río e se pechara o encoro de Pontillón como reserva hidráulica nos meses de verán ante futuras necesidades. 

A empresa concesionaria da xestión do Ciclo da Auga en Pontevedra, Viaqua, foi a encargada de substituír estas catro das seis bombas das que dispón a instalación de Monte Porreiro. O proxecto tiña un prazo de execución de 6 meses pero dende o departamento de xestión das infraestruturas hidráulicas, que xestiona Raimundo González, acordouse imprimir máis ritmo á colocación das bombas para que puideran estar operativas cando se producise o peche de Pontillón do Castro.

A nova maquinaria foi probada durante unha semana, comprobouse a súa eficiencia e eficacia, e xa está totalmente operativa e en funcionamento.

Na actualidade o encoro de Verducido está a unha capacidade de 92,2% e permanece pechado como reserva de auga dado que as previsións meteorolóxicas son de verán cálido e seco.

O río Lérez inicia esta estación cun caudal importante, en relación a anos anteriores debido ás cuantiosas chuvias do mes de xuño. De feito, os caudais de 2021 e dos anos anteriores foron os seguintes:

  • Caudal medio 25/06/2021: 12,8  m³/ s
  • Caudal medio 25/06/2020: 5,72  m³/ s
  • Caudal medio 25/06/2019: 4,68  m³/ s
  • Caudal medio 25/06/2018: 3,65  m³/ s
  • Caudal medio 25/06/2017: 6,55  m³/s

As novas electrobombas

Cabe lembrar que a Estación de bombeo de Monte Porreiro está formada por 6 electrobombas, das cales 2 foron renovadas coas obras de Acuaes, e as outras 4 cambiáronse agora, dado que os equipos antigos tiñan case 40 anos e estaban obsoletos. 

A nova maquinaria son marca Flowserve modelo FPD B30 de 367 mm de diámetro de impulsor e bombean 202 l/s. Teñen un motor de 500KW. Os seus motores son de alta eficiencia eléctrica (IE3) co obxectivo de reducir o consumo enerxético e, como consecuencia, as emisións de CO2. 

Ademais de cambiar as bombas tamén se substituíron os seus cadros eléctricos que levan analizadores de redes, sensores de temperatura, vibracións… Os novos equipos están controlados dende o sistema de telecontrol do abastecemento de Pontevedra.

Este sistema de captación permite levar á potabilizadora de Lérez o caudal para abastecer á cidade e a súa comarca. A combinación das bombas nunca supera os 1.000l/s dado que esta é a capacidade de tratamento da ETAP.

A substitución das 4 electrobombas e os seus cadros eléctricos tivo un custe de  857.503,94 euros.

A Estación de bombeo 

A Estación de bombeo é unha instalación de captación e bombeo de auga, localizada na marxe esquerda do río Lérez, situada a uns 3 quilómetros de Pontevedra. Está constituída por 6 equipos de electrobombas. 

A captación realízase a través dunha entrada de formigón reforzado que permite a entrada de auga á instalación do bombeo cunha comporta. Xa no interior da instalación, as electrobombas (de xeito alternativo) impulsan a auga até a Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Lérez a través dun tubo de ferro galvanizado de 600mm que despois pasa a ser de formigón armado de 800mm. 

O investimento multimillonario que o Concello de Pontevedra está a realizar en mellorar a rede do ciclo da auga no concello vén da man do contrato da auga, adxudicado á empresa Viaqua en 2018. Son moitos os proxectos que se puxeron e se están a por en marcha dende aquela, até acadar un investimento superior aos 58 millóns de euros: saneamento en todas as parroquias do rural, abastecemento na marxe esquerda do Lérez, grandes obras de infraestrutura hidráulica como a impermeabilización do depósito de 15.000 m3 da ETAP cun custe superior aos 544.000 euros, a mellora do bombeo de Monte Porreiro, ou reurbanizacións como a de Echegarai ou Porta Grande.