As 16 novas bancadas adxudicadas na planta baixa do Mercado de Abastos estarán operativas a partir do 1 de xullo

12

A Concellería de Promoción Económica e Turismo formalizará nestes días tódolos contratos das 16 novas bancadas adxudicadas no último procedemento de licitación aberto polo Concello, de xeito que, como avanza a socialista Yoya Blanco, “todas elas poidan estar operativas a partir do 1 de xullo”. En total, neste proceso sacáronse a concurso, mediante a fórmula de libre concorrencia por poxa, 55 bancadas das 114 existentes no Mercado de Abastos (hai 59 ocupadas, 15 delas de flores), 52 bancadas de peixe e 3 de froita, así como 6 casetas interiores de carne das 30 casetas interiores que hai e 2 casetas exteriores de confección e 1 de prensa das 19 casetas exteriores que ten a planta baixa das instalacións da rúa Serra (das 49 casetas existentes, 9 saen a poxa e 40 están ocupadas), pechándose finalmente coa adxudación de 16 bancadas.

Os beneficiarios disporán dunhas concesións demaniais cunhas condicións moi vantaxosas, con canons que oscilan entre os 3.872 e os 13.552 euros por un prazo de 25 anos. Entre as obrigas reflectidas no prego de condicións técnicas, establécese que os concesionarios deberán satisfacer as taxas correspondentes melloradas á alza segundo as súas propostas, fixándose o importe destes canons polo prazo total de concesión, que é de 25 anos. Así, segundo precisa Yoya Blanco, as taxas mínimas que se deben ofertar polos licitadores por cada número de posto, en función do seu tipo, serán as seguintes (canon base a 25 anos): bancada de peixe, 3.872,07 euros; bancada de froita, 3.872,02 euros; caseta interior, entre 9.680,16 e 13.552,23 euros, e caseta exterior, 8.131,34 euros.

Tódolos concesionarios terán a obriga de presentar autoliquidación e realizar o pagamento do canon ofertado. Independentemente deste canon mínimo, os adxudicatarios deberán satisfacer ademais mensualmente, durante a vixencia da concesión, as taxas de servizo establecidas na ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación de servizos nos mercados municipais, en concreto: bancada de peixe, 38,03 euros mensuais; bancada de froita, 40,81 euros; caseta interior, entre 55,86 e 78,20 euros, e caseta exterior, 46,92 euros.

Tamén correrán por conta de cada concesionario os tributos relativos ao exercicio de cada actividade, os que graven a constitución destas concesións, os de formalización pública dos títulos das concesións e demais derivados das propias concesións. Para poder participar neste procedemento, os empresarios interesados tiveron a obriga de acreditar a súa solvencia económica, técnica e profesional.

Yoya Blanco avanzou que, completado este proceso de licitación relativo á planta baixa, a Concellería de Promoción Económica “porase mans á obra co procedemento de adxudicación das 21 casetas dispoñibles no Gastroespazo do Mercado (descontando o que se destina a O Ganapán e 2 casetas que se reservan para o CIFP Carlos Oroza), co obxectivo de que o prego de condicións poida estar listo para o primeiro trimestre de 2022”.