Chega o ciclo audiovisual ‘Ambienta’ para visibilizar a diversidade sexual, de xénero e familiar
53
Festas 2021 Ambienta
‣ As proxeccións terán lugar na praza da Pedreira desde o venres 2 ata o mércores 7 de xullo
‣ Ademais das proxeccións tamén se contemplan encontros con directoras, actrices e autoras
A concelleira de Festas, Carme da Silva, presentou esta mañá ‘Ambienta’, un ciclo de proxeccións audiovisuais que chega co obxectivo de “converterse nun proxecto de referencia que aborde cuestións relacionadas coa diversidade sexual, de xénero e familiar”. Trátase dun dos programas incluídos na programación de verán ‘O son da rúa’ e que se desenvolverá desde o venres 2 ata o mércores 7 de xullo, con proxeccións na praza da Pedreira de títulos destacados no eido nacional e internacional.
Carme da Silva lembrou que esta “é unha das novidades importantes incorporadas á programación de verán” e que este novo proxecto “colle a testemuña do Flop Cinema pero querendo dar un paso adiante coa pretensión de ir medrando cada ano no que xa é un referente no panorama galego de proxección de cine LGBTIQA”.
Da Silva insistiu que tras esta primeira edición, o obxectivo é “seguir ampliándose no futuro” e salientou a “elección do espazo público como espazo no que proxectar e visibilizar a diversidade”. Quixo aclarar que non nace coa vocación de ser tan só un festival de cine senón de ser un proxecto que dea visiblidade á diversidade.
A programación contempla catro bloques, Ambienta_actual, Ambienta_clásico, Ambienta_doc, e Ambienta_en curta, e na escolla dos títulos colaboraron o Cineclube Pontevedra, Asociación Avante LGBT+, Novos Cinemas, e FIC Bueu. Ademais das proxeccións, o programa inclúe unha serie de actos complementarios como coloquios con directoras ou participantes nos filmes, ou escritoras como Valeria Vegas, autora do libro de memorias de La Veneno que serviu de base á serie adiovisual sobre a súa figura (luns 5 ás 20h).
O acto de presentación (venres 2 ás 22h) contará coa presenza de Carme Adán e Cristina de la Torre, directoras do filme ‘Dereito a existir: falan elas’ producido polo Consello da Cultura Galega; e acto de claursura (mércores 7 ás 22h) contará coa intervención do vídeo creador Jairo Moreno, que dirixe a peza realizada en exclusiva para Ambienta ‘Máis alá do arco da Vella’.