Pontevedra elabora a Axenda Urbana que marcará os proxectos de futuro do Concello

21

Este documento estratéxico servirá para optar aos fondos europeos Next Generation e futuras convocatorias.

Esta semana abre o prazo para presentar proxectos de mobilidade ás primeiras axudas dos Next Generation. Pontevedra decide nestes días que proxectos incluirá.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a sinatura do convenio de colaboración co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a elaboración da Axenda urbana de Pontevedra. Anabel Gulías, portavoz do Goberno e responsable de Promoción da Cidade, explicou esta mañá que este documento estratéxico fixará o camiño de Pontevedra dos vindeiros anos guiado polo cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e a Axenda 20-30.

Esta Axenda Urbana será un documento importante para poder optar aos fondos europeos, tanto aos Next Generation como á vindeira convocatoria dos Fondos Feder (EDUSI), segundo adiantou esta mañá a portavoz do Goberno. Segundo as informacións procedentes da Secretaría de Estado para a Axenda Urbana, o propósito é que os concellos que opten aos fondos o fagan con proxectos con coherencia e en base a un proxecto urbano global, e non con proxectos inconexos  que desvirtúan a finalidade dos fondos europeos e o propósito do Ministerio, como vén sucedendo até o de agora.

De feito, Pontevedra foi felicitada recentemente pola Secretaria de Estado para a Axenda Urbana, Ángela de la Cruz, na xornada organizada polos Fondos Feder, pola Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral (EDUSI) que está a executar en este momento, precisamente pola súa coherencia e globalidade.

A coherencia de todos eses proxectos correrá a cargo da Axenda Urbana. Para poder elaborala, o Ministerio ofrece a posibilidade de participar en axudas económicas e Pontevedra optará a elas, xa que pretende ser un dos concellos do Estado xunto a Coruña ou Murcia que se converta en piloto na posta en marcha destas Axendas Urbanas.

Anabel Gulías explicou que a redacción da Axenda Urbana en Pontevedra xa está en marcha (chegue ou non a axuda do Estado) e poderá estar rematada a finais de ano. A súa elaboración corre a cargo dunha asesoría externa que xa dispón dunha diagnose da situación actual de Pontevedra e ten traballado cos técnicos e técnicas municipais en xornadas encamiñadas de definir os proxectos ou programas que se incluíran nesta Axenda Urbana.

Tamén adiantou Anabel Gulías, que estes proxectos e programas marcarán o futuro da cidade. E o Goberno Local acatará estas liñas de traballo cheguen ou non fondos europeos, que de ser o caso irá executando con fondos propios. Será a ferramenta de futuro de Pontevedra.

A portavoz do Goberno tamén adiantou que Pontevedra dispón dun Goberno local con experiencia que ten o futuro da cidade claro traballando cara a excelencia e a sostenibilidade ambiental, polo que agarda que a redacción da Axenda Urbana resulte fácil.

Mentres se desenvolve a redacción da Axenda Urbana, o Concello de Pontevedra xa traballa na primeira das convocatorias dos fondos europeos Next Generation para a recuperación económica. A partir do día 30 de xuño ábrese a convocatoria  da liña de subvencións en materia de mobilidade, e o Concello ten intención de presentarse a ela.

Nos vindeiros días darase a coñecer cales son os primeiros proxectos que optan a estes primeiros fondos europeos.