Tino Fernández agradece ás xogadoras do equipo feminino cadete do Club Voleibol Pontevedra “o fito” de ter defendido o nome da cidade no Campionato de España

251

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, recibiu esta mañá no Concello ás compoñentes do equipo feminino cadete do Club Voleibol Pontevedra, que veñen de consagrarse na elite nacional da disciplina ao clasificarse por primeira vez para a fase final do Campionato de España e acadar o posto 14 na mesma. O edil socialista destacou “o valor deste fito para un deporte que se vai consolidando na nosa cidade e que vai tendo cada vez máis xogadores e seguidores”, ao tempo que lles trasladou ás deportistas, que estiveron acompañadas dos seus adestradores, Patricia Valcárcel e José Antonio Ramírez, “o enorme orgullo que tódolos pontevedreses sentimos polo empeño que puxeron en defender as cores do equipo e o nome da nosa cidade”.

Fernández felicitou ás xogadoras polo mérito de chegar a un Campionato de España e de dar o mellor de si mesmas, “tendo en conta o altísimo nivel que había nesta competición”. “Isto ten aínda máis valor cando falamos de deportes minoritarios, como é o voleibol. Nesta Concellería -sinalou o edil do PSOE- temos ademais unha obsesión polo deporte feminino, o que fai que nos sintamos especialmente ledos e orgullosos con este equipo feminino cadete de voleibol”.

Non obstante, as ambicións do club non se quedan unicamente nesta conquista, xa que o propio adestrador José Antonio Ramírez asegurou que foi “unha experiencia agridoce, xa que agardaba un mellor posto”, mentres que Patricia Valcárcel matizou que “sempre se pode chegar a máis, pero é un bo lobro, xa que había un enorme nivel”. Á marxe do éxito conquerido, algunhas das deportistas do club foron preseleccionadas para o Campionato de España de Autonomías, que terá lugar do 15 ao 18 de xullo.

Durante o acto oficial de recepción, o tenente de alcalde tamén lles fixo entrega ás xogadoras dun agasallo consistente nun USB de deseño exclusivo co logotipo da Concellería de Deportes.