A praia fluvial do Lérez contará con servizo de socorrismo a partir do xoves 1 de xullo

27

Despois de que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural instalase o balizamento perimetral da área de baño, a praia fluvial do Lérez estreará este xoves 1 de xullo o seu servizo de socorrismo, que permanecerá en funcionamento ata o día 31 de agosto. O departamento que dirixe o socialista Iván Puentes contratou á empresa Salvar, Formar e Socorrer SL para a prestación deste servizo, que permitirá contar con vixilancia durante os meses estivais, en horario de 12:30 a 20:30 horas.

Segundo explica o propio Puentes, “a praia fluvial do río Lérez contará sempre neste horario cun socorrista, como mínimo, tanto nos días de semana como nas fins de semana, reforzándose o servizo polas tardes, de luns a venres, nas que haberá dous socorristas (a empresa ten contratados a tres profesionais)”. Tal e como lembrou o edil do PSOE, a Concellería de Desenvolvemento Sostible xa acometera no pasado verán a renovación do posto de salvamento e a rehabilitación das súas fachadas exteriores, mellorado ademais o servizo de socorrismo coa adquisición dunha cadeira de vixilancia e dun mastro, así como de bandeiras de cores para sinalar se o baño se permite, debe facerse con precaución ou está prohibido. 

O posto que acolle o servizo de socorrismo foi ‘customizado’ cos detalles decorativos da rede Verde Urbano, aproveitando os dous frontispicios que forman as augas do tellado. Exhibe os logotipos da Concellería de Desenvolvemento Sostible e a marca turística de Pontevedra e un panel informativo no que se inclúen o plano da praia, as normas de uso e unha xanela de vidro para publicar cada día os datos do estado da auga en base á analítica realizada (as cores verde, amarela e vermella indicarannos se o baño está permitido, prohibido ou debemos facelo con especial precaución).