‘A Vida é Movernos’ convida aos pontevedreses a recupera-las rúas e realizar exercicio ao aire libre con danza urbana, ioga, andainas… E moito máis

2396
  • Tino Fernández explica que o programa impulsado pola Concellería de Deportes, que se manterá ao longo do ano, “é o máis ambicioso de actividade física na rúa realizado neste concello”
  • O proxecto tamén abrangue talleres de tratamento da ansiedade e o estrés, risoterapia, actividade física adaptada, reanimación cardiopulmonar e prevención de ludopatías e condutas aditivas

Convidar aos pontevedreses a recuperar as rúas logo deste longo período de pandemia e a practicar actividade física ao aire libre son os principais obxectivos de ‘A Vida é Movernos’, un ambicioso proxecto impulsado pola Concellería de Deportes que se porá en marcha durante este mes de xullo e que desenvolverá actividades e talleres ao longo de todo o ano. A iniciativa abranguerá un amplo e variado programa de accións, entre as que se inclúen aulas e exhibicións de danza urbana, hip hop, break dance, ioga e pilates, marcha nórdica e andainas e obradoiros de tratamento do estrés e a ansiedade, risoterapia,  reanimación cardiopulmonar e prevención de ictus e patoloxías do corazón, así como de ludopatías e condutas aditivas.

O proxecto foi presentado esta mañá na Praza de España polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Actividade Física e Saúde, Tino Fernández, nun acto no que estivo acompañado polos bailaríns e coreógrafos Verónica Aboy e Luciano Gomes e por un grupo de alumnas da súa escola de danza Getting Jiggy Dance Studio, organizadora do evento inaugural de ‘A Vida é Movernos’ (un festival de danza que terá lugar neste mesmo escenario o vindeiro venres 2 de xullo ás 19:00 horas). Segundo subliñou Fernández, “é o momento de recuperar a rúa como espazo de encontro e de práctica de exercicio e actividade física saudable ao aire libre”, xa que supón “un elemento indispensable para manter unha boa saúde e calidade de vida e previr a aparición de enfermidades vencelladas co sedentarismo”.

Tal e como explicou, o programa, “que se irá pechando con tempo suficiente para que a cidadanía se poida enterar e inscribirse nos correspondentes teléfonos e emails de contacto”, ten dúas liñas esenciais de intervención: “Aquela relacionada coa actividade física como ferramenta de mellora do noso estado de saúde, na que se inclúen a danza, o ioga, o pilates, o voleibol ou as andainas, e a que ten que ver cos talleres de prevención, que se coordinarán co movemento asociativo”. “Trátase do proxecto de promoción da actividade física na rúa máis ambicioso que se deseñou neste concello e, cando dicimos rúa, non nos referimos unicamente ás do centro da cidade, senón que a onda expansiva de ‘A Vida é Movernos’ chegará con forza a barrios e parroquias. Todo este conxunto de actividades que se celebrarán ao longo do ano terán como epicentro e eixo central a II edición da Feira da Saúde de Pontevedra PonteSan”, sinalou o edil do PSOE.

No proxecto contémplase tamén o desenvolvemento de aulas de actividade física adaptada, tanto no que atinxe a exercicio físico e mobilidade de persoas maiores como daqueles colectivos con diversidade funcional e/ou sensorial. O programa ‘activarase’ este venres 2 co espectáculo de hip hop e danza urbana protagonizado por Getting Jiggy Dance Studio, e continuará durante todo o mes de xullo con seis sesións de camiñada ou marcha nórdica a cargo da firma Marcha Nórdica Galicia e seis clases de ioga taoísta impartidas na Alameda por Dinorah Batallán, de Mundo Tao.

Hip hop lírico, bachata, danza urbana, zouk, funk e jazz fusión

Antes de dar paso a unha pequena exhibición na que as alumnas de Getting Jiggy amosaron algúns dos movementos dos que poderemos desfrutar o venres, Tino Fernández apuntou que esta escola de danza multidisciplinar naceu fisicamente en Pontevedra en 2017, pero leva completada unha viaxe de xa máis de 10 anos dentro do mundo da danza, contando na súa traxectoria cun gran número de traballos realizados a nivel nacional e internacional, a formación de bailaríns, premios en diferentes concursos e a creación de espectáculos. O tenente de alcalde avanzou que, nesta ocasión, “chegan cunha proposta denominada ‘Feel the Vibe’, que pode traducirse como ‘Sinte o ritmo’ e que consiste nun festival de danza aberto ao público cun pequeno espectáculo dalgúns dos seus alumnos e animacións por parte dos seus profesores”. O evento terá lugar na Praza de España) entre as 19:00 e as 20:30 horas, incluíndo actuacións de hip hop lírico e infantil, bachata, danza urbana comercial, infantil e xuvenil, zouk brasileiro, jazz fusión e funk brasileiro.

A actividade, organizada por Verónica Aboy, Luciano Gomes e Yara Juncal, está pensada para entre 40 e 50 participantes, desenvolvéndose cun estrito protocolo de seguridade Covid-19 (delimitación perimetral con cinta e valados, mesa con xel hidroalcohólico, mascarillas e panos desbotables e amplo escenario) cuxo cumprimento será vixiado por tres axudantes. 

Camiñar con bastóns de esquí

O concelleiro de Deportes indicou que “tamén están pechadas as datas para as saídas de marcha nórdica, un deporte de resistencia e unha forma de exercicio ao aire libre que consiste en camiñar coa axuda e pulo de bastóns semellantes aos empregados no esquí”. A actividade estará coordinada por Ricardo Angueira, licenciado en Ciencias do Deporte e especialista universitario en marcha nórdica, e levarase a cabo en seis sesións de aprendizaxe desta técnica cun máximo de 30 participantes por xornada e 15 por grupo: os luns 12, 19 e 26 de xullo e os venres 16, 23 e 30 de xullo, en horario de mañá, cun grupo de 10:00 a 11:30 horas e outro de 11:45 a 13:15 horas.

Marcha Nórdica Galicia dispón dunha dirección de correo electrónico (info@marchanordicagalicia.com), un teléfono de contacto (629 031 905) e unha páxina web (www.marchanordicagalicia.com) para poder tramitar as inscricións e obter máis información sobre esta actividade, que inclúe seguro de accidentes e bastóns gratuítos para tódolos participantes e a aplicación dun rigoroso protocolo contra a Covid-19. Así, tanto na recepción dos grupos como durante o desenvolvemento das camiñadas garantiranse as distancias de seguridade de 1,5 metros (o feito de usar bastóns de marcha nórdica xa facilita o seu mantemento); facilitaranse dispensadores de xel hidroalcohólico e unha vez finalizada cada sesión desinfectaranse os bastóns con spray 70% de alcohol; haberá mascarillas quirúrxicas de reposto en cada sesión para casos de necesidade por roturas ou desperfectos fortuítos, e respectaranse as medidas restritivas vixentes que establezan as autoridades sanitarias.

No que atinxe ás aulas de ioga taoísta, a encargada de impartilas será Dinorah Batallán, instrutora autorizada do Sistema Yuan Tao, e disporán de seguro de responsabilidade civil, botellas de auga individuais, unha vintena de esterillas desinfectadas (aínda que se recomenda que cada participante leve a súa), xel desinfectante de mans e do material e persoal para axudar a colocar as esterillas con distancia de seguridade e atender aos participantes.