O Concello proxecta a gran praza central de Monte Porreiro

117
  • Trátase dunha intervención integral nas rúas Alemaña e Grecia e que permitirá habilitar un espazo peonil de máis de 2.000 metros cadrados na rúa Alemaña 
  • Esta actuación ten un orzamento de 997.000 euros e implica unha reordenación do tráfico na área

O concelleiro de Obras e Transporte, Demetrio Gómez, informou esta mañá na Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Srervizos, dos proxectos en marcha neste momento na cidade, salientando a boa marcha da reforma da rúa Loureiro Crespo e a próxima apertura do novo vial de acceso aos Campos, prevista para o vindeiro venres. 

Tamén deu conta dunha das actuacións incluídas na modificación de crédito que se levará a cabo no barrio de Monte Porreiro e que ten un orzamento de 997.000 euros. Trátase da reforma integral das rúas Alemaña e Grecia, e que permitirá crear unha gran praza central neste barrio. Esta intervención, segundo explicou Demetrio Gómez, permitirá solucionar a carencia de espazos de convivencia e de estancia de Monte Porreiro, comezando por un dos puntos que máis dicultades se detectan por parte das crianzas que utilizan o Camiño Escolar e que se sitúa na confluencia destas dúas rúas. “Por iso se comeza por aquí coa idea de gañar espazo peonil, de gañar autonomía para os nenos e as nenas, de gañar en seguranza viaria e de gañar en calidade urbana” asegurou o concelleiro.

No que respecta á rúa Alemaña, no tramo comprendido entre a rúa de Cambria e a rúa Portugal, está previsto crear un gran espazo peonalizado, con mobiliario e alumeado creado especificamente para esta área, que abranque algo máis de 2.000 metros cadrados (aproximadamente o equivalente á praza da Ferraría), cun pavimento diferenciado e dedicados a estancia, ao xogo, á convivencia e á mellora da calidade de vida dos veciños e das veciñas. 

Na rúa Grecia, habilitarase un paso de circulación de vehículos, que queda unicamente en sentido Lérez – Mourente e que ao chegar ao cruzamento do final da rúa terá sentido obrigatorio cara a rúa de Italia (non se poderá xirar cara a rúa de Alemaña). A parte peonil da rúa tamén levará un pavimento diferenciado e o carril de circulación para vehículos irá máis baixo que o espazo peonil. 

Tamén se contemplan dous cruzamentos a nivel, un no propio cruzamento entre as rúas Alemaña e Grecia e outro diante do colexio.

Esta actuación tamén implicará un cambio no tráfico do barrio, quedando só para uso de residentes e servizos o futuro tramo peonil da rúa Alemaña, mentres que o tráfico de paso entre Mourente e Lérez circulará polo eixo das rúas Holanda- Dinamarca-Francia