A praia fluvial de Ponte Sampaio disporá dende mañá de socorristas durante toda a semana

9

O servizo estará operativo de luns a domingo en horario de 12.30 a 20.30 horas, e os sábados, domingos e festivos terá un reforzo durante catro horas.

O Concello de Pontevedra pon mañá, 1 de xullo, en marcha o servizo de Socorrismo na praia fluvial de Ponte Sampaio para atender aos bañistas que gocen do areal do Verduxo. Cada vez son máis as persoas que escollen Ponte Sampaio como espazo de lecer, por iso o Concello acordou contratar un servizo que atenda a elevada demanda que ten esta praia durante todo o verán.

A praia disporá de socorristas nos meses de xullo e agosto. Será un servizo diario (de luns a domingo) en horario de 12.30 a 20.30 horas cun reforzo de catro horas en sábado, domingo e festivos.

O concelleiro delegado da parroquia de Ponte Sampaio, Raimundo González acordou intensificar o control e vixiancia na praia fluvial tendo en conta que ano a ano gaña bañistas e visitantes. Ademais espérase que coa recente demolición do campo de fútbol e a ampliación da zona de baño, o areal conte este ano con máis bañistas que en veráns anteriores.