“O Mirador” e a Anpa de Marcos da Portela ven interesante a reforma da rúa Alemaña

36

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, mantivo onte un encontro cos veciños e coa anpa para explicarlles o proxecto. Pediron que este fose o primeiro doutras melloras que se fagan no barrio.

A Asociación de veciños “O Mirador” e a anpa do CEIP Marcos da Portela, de Monte Porreiro, coñeceron onte da man do concelleiro de Obras, Demetrio Gómez o proxecto de reforma da rúa Alemaña que ten previsto o Concello. Os dous colectivos amosáronse moi interesados na proposta e agardan que, xunto a esta, cheguen outras máis melloras ao barrio.

Demetrio Gómez mantivo onte pola tarde un encontro coa asociación de veciños e Anpa do centro máis próximo á reforma, e coincidiron en que a reformulación era interesante para eliminar o tráfico de paso do barrio que incrementou moito nos últimos tempos. Polo tanto, valoraron positivamente a reforma proposta polo Concello.

Demetrio Gómez tamén lles pediu que fixeran suxestións para mellorar a intervención, tendo en conta que o propósito é levar a calidade urbana do centro ao barrio.

De feito, os veciños e a anpa solicitaron que esta non fose a última obra que se faga en Monte Porreiro. Máis ben todo o contrario, que sexa a primeira de moitas outras que se realicen no barrio.

“O Mirador” comprometeuse a organizar unha reunión cos hosteleiros e comerciantes das rúas implicadas na reforma para coñecer o proxecto e facer achegas.