- O alcalde e o concelleiro de Coordinación do Rural visitaron esta mañá o remate dos traballos, que inclúen infraestruturas en Casal do Río e Lusquiños, así como unha conexión peonil entre ambos lugares
- A obra está financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER)
Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Coordinación do Rural, Alberto Oubiña, visitaron esta mañá o remate dos traballos do núcleo de centralidade parroquial de Tomeza, que inclúe a renovación dun parque con pistas deportivas e merendeiro en Casal do Río, a mellora da contorna do centro social de Lusquiños, e unha senda peonil que conecta ambas áreas. Esta visita realízase como antesala da xuntanza veciñal prevista para este venres, a partires das 18:30 h no parque de Casal do Río, e que contará con música, merenda e xogos en equipo para público familiar. Tamén está previsto que, atendendo aos requirimentos de difusión e publicidade dos proxectos realizados con fondos FEDER, todos os domicilios da parroquia reciban un un lote de material promocional desta actuación (bolsa, caderno, lápices, bolígrafos e paraugas)
Durante a visita e precisamente no parque de Casal do Río, Fernández Lores manifestou a súa satisfación pola calidade dos traballos asegurando que “quedou un espazo de uso comunitario perfecto” e que este tipo de actuacións son “unha forma de trasladar todos os estándares de calidade que estamos execuntando ao longo destas décadas na cidade de Pontevedra tamén aos barrios e ás parroquias”.
O parque de Casal do Río quedou totalmente renovado cunha área destinada a instalacións deportivas, a parque infantil e a zona de recreo cunha zona arborada e merendeiro. Instalouse un peche para toda a área, renovouse toda a iluminación con proxectores para as pistas e morróns baixos na zona de lecer, e na entrada exterior sinalizouse un estacionamento e a parada de autobús, limitando un espazo para aparcar o bus escolar.
Mentres, na contorna do Centro Social de Lusquiños actuouse na entrada do edificio mellorando a accesibilidade, mellorouse parte baixa da parcela con xabre consolidado onde se instalou unha churrasqueira, e instalouse un novo espazo infantil. Ambas áreas están conectadas por unha senda peonil, fomentando a mobilidade peonil e o desprazamento entre os dous lugares.
A actuación, adxudicada á empresa Oresa S.L. cun orzamento de adxudicación de 466.464,47 euros (orzamento de licitación fora de 588.747,29 euros), e está enmarcada no Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedido a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) “Máis Modelo Urbano Pontevedra”.
No marco da visita, Miguel Anxo Fernández Lores tamén quixo salientar “o salto cualitativo de servizos nas parroquias, cun investimento próximo aos 100 millóns de euros, entre o contrato da auga, investimentos propios, fondos europeos e fondos da Deputación”. Asegurou que, concretamente na parroquia de Tomeza, “cos servizos de abastecemento, cos servizos de lecer e co parque forestal da Fracha estamos dando un salto adiante importante na calidade de vida dos veciños e das veciñas”.