Adiado o ciclo audiovisual ‘Ambienta’ por mor das previsións metereolóxicas

24
  • Trasládase á semana do 19 ata o sábado 24 de xullo e mantense a ubicación na praza da Pedreira

Ante as previsións de chuvia, tanto para esta fin de semana como para comezos da seguinte, a Concellaría de Festas, que xestiona Carme da Silva, tomou a decisión de adiar o ciclo de proxeccións audiovisuais ‘Ambienta’. Desde o seu departamento xa se está traballando para trasladar toda a programación aos días comprendidos entre o luns 19 e o sábado 24 de xullo, mantendo a ubicación na praza da Pedreira.

Deste xeito, por mor do cambio de datas tamén é posible que sexa necesario facer algún axuste na programación en relación aos actos complementarios (coloquios con autoras, e con directoras ou participantes nos filmes), polo que unha vez se pechen as intervecións se farán públicos os cambios. 

Convén lembrar que ‘Ambienta’ é unha das novidades incorporadas á programación de verán ‘O son da rúa’, e co que se pretende promover a visibilización da diversidade, ao tempo que converterse nun referente no panorama galego de proxección de cine LGBTIQA.

A programación contempla catro bloques, Ambienta_actual, Ambienta_clásico, Ambienta_doc, e Ambienta_en curta, e na escolla dos títulos colaboraron o Cineclube Pontevedra, Asociación Avante LGBT+, Novos Cinemas, e FIC Bueu.