David Chipperfield: “O que se logrou en Pontevedra é verdadeiramente admirable”

43
  • O arquitecto británico, que visitou esta mañá a cidade, salientou a vontade política do goberno local na recuperación dos espazos públicos para as persoas e no “control do tráfico”
  • David Chipperfield participará na vindeira edición de Urbtopías que terá lugar cara a final de ano

“O que se logrou en Pontevedra é verdadeiramente admirable” asegurou esta mañá o destacado arquitecto británico, David Chipperfield, en referencia tanto ao deseño urbano da cidade como á vontade política do goberno local. O arquitecto e a súa parella, Evelyn Stern, foron recibidos esta mañá polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, pola concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, e polos concelleiros de Mobilidade e Urbanismo, César Mosquera e Xaquín Moreda, nunha visita previa á participación de Chipperfield na próxima edición de Urbtopías, prevista para o último trimestre do ano. 

O obxecto desta visita, segundo explicou Fernández Lores vén dado polo interese “de seguir en vangarda e David Chipperfield é un deses arquitectos que está na vangarda mundial, e polo tanto queremos coñecer as súas opinións para seguir traballando por unha Pontevedra que siga sendo cada vez máis referente”. 

Ao pé da Fonte dos Nenos, David Chipperfield asegurou que “o mundo está cheo de fermosas ideas de arquitectos e de urbanistas pero que, para que suceda algo, se precisa sempre a iniciativa da Administración”, e que “como arquitectos interesados en planeamento sabemos que nada é posible sen vontade política” .

Explicou que é difícil encontrar exemplos nos que “poder comprobar como se pode controlar o tráfico, porque eliminar o tráfico é case un suicidio político para un alcalde, pero  ao mesmo tempo é verdadeiramente o único que pode ter un gran impacto sobre as cidades.” Neste sentido, cualificou “os espazos públicos como a expresión dunha comunidade, que teñen que ser protexidos, atesourados, apreciados, e o ataque máis grande contra os espazos públicos era o tráfico e é fantástico ver como aquí os volveron recuperar as persoas”. 

Indicou que na actualidade se dá unha situación na que “por fin se comprende todo isto moito mellor”, en referencia ás restricións de tráfico nas cidades, ao tempo que “tamén se comprende que as cidades se teñen que concentrar por riba de todo na calidade de vida, e esta é a motivación que o alcalde seguiu e é absolutamente admirable”.

Lamentou que “non se teña abrazado máis este exemplo en toda Galiza” e insistiu en que “como arquitectos sabemos que a boa arquitectura é importante pero nunca tan importante como a estrutura da cidade”