O encoro do Pontillón prepárase para o espectáculo de velocidade e potencia dos talentos emerxentes do piragüismo galego

118
  • O Campionato Galego de Sprint de Piragüismo Infantil e Cadete reunirá no Complexo Deportivo David Cal durante esta fin de semana a 656 embarcacións pertencentes a 69 clubs
  • O evento, presentado hoxe polo tenente de alcalde, Tino Fernández, e o presidente da FGP, Alfredo Bea, contará o sábado 3 con 363 embarcacións infantís e o domingo 4 con 293 cadetes

O encoro do Pontillón do Castro volverá ser escenario esta fin de semana dun espectáculo de velocidade e potencia no que se darán cita os talentos emerxentes do piragüismo autonómico. Un total de 656 embarcacións pertencentes a 69 clubs da nosa Comunidade participarán entre o sábado 3 e o domingo 4 de xullo no Campionato Galego de Sprint de Piragüismo Infantil e Cadete, organizado pola Concellería de Deportes e a Federación Galega de Piragüismo (FGP) en colaboración coa Xunta de Galicia e as firmas Murimar Seguros e Coca-Cola.

O evento, que foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e o presidente da FGP, Alfredo Bea, contará este ano con moitos máis deportistas que no Campionato de 2020. En concreto, segundo precisou o edil socialista, “hai 363 embarcacións de 35 clubs inscritas en categoría Infantil (71 máis que na anterior edición) e 293 embarcacións de 34 clubs en categoría Cadete (61 máis)”. “Mediranse en contrarreloxos e probas finais, o sábado 3, entre as 9:30 e as 19:20 horas, os deportistas de categoría Infantil, e o domingo 4, das 9:00 ás 15:05 horas, os de categoría Cadete”, indicou Fernández.

O tenente de alcalde salientou que “este ano, como outros, pero este aínda máis, o piragüismo está sendo un dos grandes protagonistas do deporte na nosa cidade, afortunadamente ademais con moitos éxitos”. Tal e como apuntou, “hai uns días no Campionato de Europa Júnior e Sub 23 celebrado en Poznan, o piragüismo pontevedrés acadou unha medalla de ouro, unha de prata e dúas de bronce, hoxe mesmo estase xogando o pase ás Olimpíadas no Pontillón Antía Jácome, cunha primeira vitoria sobre María Corbera (ratificado posteriormente cun segundo triunfo na seguinte regata), e esta fin de semana temos novamente en Pontevedra este Campionato Galego de Sprint Infantil e Cadete, unha proba que afonda nesa implicación e colaboración existente entre Concello e Federación Galega de Piragüismo e que agardamos que sirva como laboratorio de futuras competicións que van vir á nosa cidade ao longo deste mes e do de agosto”.

O concelleiro de Deportes destacou “a gran canteira e capacidade de superarnos que temos” e avanzou que este é un Campionato “no que os padexeiros e padexeiras pontevedreses poden xogar un papel protagonista”. “En todo caso, é un gran día para Pontevedra, porque o piragüismo -asegurou- é un referente nesta cidade, un deporte estratéxico. Só hai que ver como están o río e o propio Pontillón do Castro cheos de piraguas tódolos días. Ademais, este tipo de eventos son moi importantes na nosa estratexia para ‘vender’ cidade, xa que moitos destes padexeiros terán que vir un día antes, pernoctar, comer, saír e gastar en Pontevedra e iso sempre é unha magnífica nova en anos tan complicados como está sendo este 2021 e foi o 2020”.

Un fito histórico, que non se produce desde Ana Penas

Pola súa banda, Alfredo Bea subliñou que Pontevedra “xa non é só un referente para o piragüismo como cidade, senón que, cos últimos éxitos e medallas internacionais acadadas, é tamén un referente deste deporte a nivel mundial”. Segundo afirmou o presidente da FGP, o acadado por Antía Jácome foi “un fito histórico”, xa que “desde a época de Ana Penas, que tamén facía K-4, non tiñamos outra muller pontevedresa nos Xogos Olímpicos máis que Teresa Portela”. 

Bea amosou a súa satisfacción polo feito de que “a pesar desta situación de pandemia, agora mesmo temos máis clubs, licencias e participantes nos dous campionatos que se van celebrar esta fin de semana que os que tiñamos en 2019”. “Son regatas de 1.000 e 500 metros, tanto para mulleres como para homes, en modalidades de canoa e kayak, en embarcacións individuais e dobres. Suporán a antesala do Campionato de España destas categorías que teremos en dúas semanas, onde por suposto Galicia será un ano máis a Federación gañadora e a que terá máis padexeiros copando os podios. Gañamos en todas, pero nesas tamén”, matizou Alfredo Bea.