O Concello edita unha unidade didáctica para dar a coñecer a cidade a través da súa arquitectura

11
  • Está dirixida a alumnado de primaria e permite percorrer a evolución de Pontevedra desde a lenda de Teucro ata a actualidade, pasando polos asentamentos romanos ou a época medieval
  • Está realizada por Taller Abierto a tavés de debuxos do estilo de debuxo rápido arquitectónico

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, e as responsables de Taller Abierto, África Martínez e Ana Barreiro, presentaron esta mañá a unidade didáctica ‘Caderno de Arquitectura. A forma urbana de Pontevedra’, co obxecto de dar a coñecer os fitos históricos que foron configurando a cidade desde a antigüidade ata o día de hoxe. 

Xaquín Moreda explicou que se trata dunha publicación que fai un repaso da historia da cidade a través dos trazados urbanos e da arquitectura desde a lenda de Teucro e a orixe da cidade, pasando polos primeiros asentamentos romanos, polo apoxeo medieval e o barrio da Moureira ata os asentamentos urbanos da arquitectura contemporánea. “Todo isto cunha linguaxe visual atractiva para que os máis pequenos e pequenas saiban de onde vimos” asegurou o concelleiro.

Moreda indicou que a idea xurdiu a partires dunha asignatura da carreira de Arquitectura na que se estuda a historia global da Arquitectura percorrendo a historia particular dunha cidade, a través dos edificios construídos e dos trazados urbanos en diferentes épocas. Neste sentido, puxo en valor, en relación ás dúas arquitectas de Taller Abierto, que precisamente “aquí temos a sorte de contar con profesionais cualificadas para realizar este traballo con solvencia, e que xa teñen unha certa experiencia no desenvolvemento en proxectos de difusión da arte con xente máis nova”.

Pola súa banda, África Martínez asegurou que “esta publicación é un proxecto moi especial para nós como arquitectas no que intentamos explicar a forma da cidade de Pontevedra empregando a historia e empregando o debuxo”. 

Salientou que foi concibida “cun formato moi visual, feita toda con debuxos, do estilo do estilo do debuxo arquitectónico, que son ese tipo de debuxos rápidos que facemos os arquitectos cando visitamos algún lugar e facemos algún apuntamento”. Así, a cor e o debuxo son elementos fundamentais para transmitir “esas ideas relacionadas coa arquitectura e que ás veces parecen complexas”. Explicou que todos os datos “contan con todo o rigor histórico” e que non é tanto unha publicación histórica senón que “o que  fixemos foi extraer a esencia, os fitos máis importantes da historia e que afectaron á forma urbana da nosa cidade”.

A unidade didáctica vai dirixida a alumnado de primaria (de 8 a 12 anos), aínda que segundo asegurou África Martínez “cremos que tamén pode ser útil para todas aquelas persoas que non sexan expertas na materia e que queiran poñerse ao día coa nosa historia”.

Por último, Xaquín Moreda enmarcou esta publicación nas “iniciativas que levamos a cabo desde a Concellaría de Patrimonio Histórico para dar a coñecer a historia da cidade a públicos moi diversos pero incidindo sobre todo en formatos para xente máis nova”. Neste contexto, lembrou que o pasado ano se lanzara o vídeo xogo PonteVeteris que estaba ambientado na historia medieval da cidade e que fora en colaboración do grupo de innovación docente da Universidade de Vigo, ComTecArt.