O programa A Vida é Movernos abre o prazo de inscrición para participar nas aulas de ioga taoísta

79

O programa A Vida é Movernos, impulsado pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde, acaba de abrir o prazo de inscrición para participar nas xornadas de ioga taoísta que se desenvolverán os sábados 10, 17 e 24 de xullo na Alameda de Pontevedra. O formulario de reserva de praza nestas aulas pode completarse a través do enlace www.mundotao.com/inscripciones-ponteyoga/ ou atoparse facilmente na páxina web www.mundotao.com. As inscricións tamén poden efectuarse mediante o correo electrónico mundotao@mundotao.com ou do teléfono 609 440 177.

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, sinala que as clases serán impartidas por Dinorah Batallán, “que desenvolverá dúas aulas por xornada, con horarios de 10:30 a 11:30 horas e de 12:00 a 13:00 horas”. “Os interesados poden apuntarse tódolos días a tódalas clases. Unicamente se roga que, no caso de non poder asistir a algunha das aulas, o avisen con antelación para que poidan asistir aquelas persoas que quedaran sen praza”, matiza o edil socialista. 

Segundo explica a propia Dinorah Batallán, “para facer a actividade aconséllase roupa cómoda e, se alguén é frioleiro, que traia unha chaqueta ou unha pequena manta para a fase de relaxación”. Non é preciso ter ningún coñecemento previo e pódese inscribir calquera persoa a partir de 7 anos de idade.

“O ioga taoísta -apunta Batallán- traballa o corpo físico, a respiración e a mente. Durante a clase practicaranse diferentes técnicas de traballo corporal, de respiración e relaxación. Aínda que disporemos dunha vintena de esterillas e unha botella de auga por persoa (asignados por orde de inscrición), aconséllase vir con esterilla propia”.