Aberta ao tráfico a nova conexión entre Tafisa e Os Campos

33

O alcalde destaca na apertura que foi unha obra consensuada cos veciños e que se segue a avanzar na mobilidade de Pontevedra con tráficos calmados sendo referencia viaria en mobilidade tanto na cidade como no rural.

A nova rúa está aberta dende esta mañá e ten os estándares de calidade doutras como a conexión de Monte Porreiro coa estrada de Santiago ou a Rolda Leste.

O novo acceso aos Campos (Mourente) dende Tafisa xa está aberto ao tráfico dende esta mañá. As obras remataron nesta semana co pintado e a colocación da sinalización vertical en toda a vía e tamén nos seus entronques: tanto na zona de Tafisa como no núcleo dos Campos, que viviu unha absoluta reformulación tanto de tráfico como de espazos para conformar a nova centralidade parroquial.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores acompañado do concelleiro de Obras, Demetrio Gómez e do coordinador do Rural, Alberto Oubiña, acompañados dos veciños da zona, dos técnicos municipais e de representantes da empresa adxudicataria (Ramírez), visitaron esta mañá a vía no momento en que se abría ao tráfico rodado (o peonil está aberto dende hai semanas) para comprobar o bo resultado da intervención que permitirá permeabilizar a rede viaria entre os dous barrios deixando máis liberada os paseos peonís da avenida de Bos Aires.

O alcalde recoñeceu que a obra tivo algunha dificultade debido á colaboración dalgunhas empresas de servizos para a retirada de postes, pero finalmente “quedou unha vía con nova iluminación, con canalizacións soterradas para poder baixar a liña de media tensión que pasa pola zona… e tamén se fixeron melloras como o asfaltado da rúa do Outeiro”.

Fernández Lores quixo agradecer a colaboración dos veciños no proxecto “e estamos encantados de que a obra a fixera unha empresa de Pontevedra que está traballando ben”.

“Quedou ao gusto de todo o mundo, e seguimos avanzando na mellora da mobilidade dos cidadáns de Pontevedra sempre con tráficos calmados para seguir sendo referencia en seguridade viaria tanto na cidade como no rural”, explicaba o alcalde.

Características técnicas

Esta nova estrada, de 605 metros, ten dous carrís de tráfico, de 2,5 metros de ancho cada un, e unha beirarrúa ao carón das vivendas cun mínimo de 1,5 metros. Inclúe os parámetros de calmado de tráfico e de vía urbana con preferencia da mobilidade peonil e ciclista propios do modelo Pontevedra. 

A execución do proxecto inclúese dentro do convenio asinado coa Deputación de Pontevedra mediante o cal o organismo provincial ocupouse da expropiación dos terreos e o Concello asumiu a licitación e a execución da obra. O orzamento da vía ascendeu a 1.576.674 euros entre proxecto e expropiacións. 

Convén lembrar que o novo acceso a Monte Porreiro está incluído dentro do proxecto de creación do núcleo de centralidade dos Campos integrado, tamén, polo novo Local social xa rematado e polas oficinas do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR), en execución na actualidade. Todas estas intervencións que se executan simultaneamente teñen un orzamento global de 2,3 millóns de euros. 

A última parte deste macroproxecto nos Campos é a urbanización de toda a área formada pola reordenación do tráfico (xa realizada) e o acondicionamento das zonas verdes, vinculadas ao remate da obra do GDR.

O novo vía conecta o barrio de Monte Porreiro coa trama urbana, axustándose aos estándares dos novos viarios construídos recentemente na cidade como a conexión entre Monte Porreiro e a estrada de Santiago, ao novo acceso a Montecelo (Rolda Leste), o by-pass proxectado en Mollavao ou a proposta para a variante de Alba. O propósito destas vías é retirar o tráfico da malla urbana acentuando o Efecto PO2 e a preferencia peonil.