O Fam trip do Plan Supera sitúa Pontevedra como destino de turismo de calidade

5
  • Están participando 20 axencias de viaxes todo o Estado, acompañadas por representantes das axencias locais e da Asociación de Hoteleiros da cidade
  • Ademais de visitar Pontevedra para coñecer a súa riqueza natural, a cidade e a súa gastronomía, tamén coñecerán a oferta turística da contorna para poder facer paquetes específicos 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado pola concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, deulle a benvida ás axencias de viaxe estatais que, desde a tarde de onte, están participando no Fam trip que organiza o Concello no marco do Plan Suera en colaboración coa Asociación provinical de axencias de viaxe. 

Fernández Lores enmarcou esta iniciativa no compromiso do goberno municipal de incentivar o dinamismo económico na cidade, e nomeadamente no compromiso referido ao sector turístico para a organización de xuntanzas de traballo e eventos de promoción específicos para este sector e de incluílos no Plan de reactivación económica ‘Supera 21’.

O alcalde, que interviu tras unha presentación da presidenta da Asociación provincial Mar Rodríguez, centrouse en salientar os recursos culturais e turísticos de Pontevedra, ao tempo que puxo en valor a singularidade da cidade en relación ao seu modelo urbano, por ser un referente de cidade amábel e da calidade de vida que ofrece para veciñanza e visitantes. Tamén fixo referencia aos recursos turísticos do conxunto das Rías Baixas e convidou ás axencias estatais a que considerasen Pontevedra como un destino de turismo de calidade “porque non dececpcionaría senón todo o contrario”.

No Fam trip están a participar 20 axencias de viaxes estatais (cubrindo a totalidade das prazas dispoñibles) que, durante tres días percorrerán distintos puntos de Pontevedra e da contorna, acompañadas por axencias de viaxes pontevedresas e polos hoteleiros da cidade. No workshop celebrado esta mañá no Galicia Palace, e por mor das restricións sanitarias, por parte das axencias de viaxe locais e da Asociación de Hoteleiros só acudiron unha pequena representación. 

No programa de actividades contémplanse visitas á senda do río Gafos, como alternativa ao Camiño portugués; as sendas do Lérez; os xardíns do pazo de Lourizán, e un percorrido pola cidade que inclúe San Domingos, A Peregrina, Santa María e o Museo Provincial. En relación á contorna de Pontevedra, prevense visitas a Combarro e a unha adega das Rías Baixas. Todos os xantares deste programa se realizarán en locais da hostalería de Pontevedra para dar a coñecer a variedade gastronómica da cidade.