Pontevedra disporá dun censo de colonias felinas no que se identificará ás persoas responsables do coidado, control e alimentación dos seus gatos

30
  • O rexistro encargado pola Concellería de Benestar Animal a Difusión Felina permitirá adaptarse á actual lexislación autonómica, que impide alimentar a animais abandonados sen autorización
  • Marcos Rey asegura que este censo será unha ferramenta de moita utilidade para coñecer o estado real de cada colonia e deseñar a planificación da Captura, Esterilización e Solta (CES)

A Concellería de Benestar Animal agarda dispoñer nas vindeiras semanas cun censo das colonias felinas existentes no concello e cuxa alimentación e control está xestionado en colaboración coas asociacións Difusión Felina e Huellas Felinas e tamén coa axuda dalgúns veciños voluntarios. Este rexistro, ao que o departamento que dirixe o socialista Marcos Rey destinou unha achega de 2.500 euros e que está a elaborar o colectivo Difusión Felina, permitirá coñecer non só o número exacto de colonias de gatos silvestres e de animais que compoñen cada unha delas, senón tamén quen son as persoas concretas encargadas da súa xestión no que atinxe á manutención e coidado do estado de saúde dos felinos.

Segundo explica Rey, esta identificación dos responsables das colonias resulta imprescindible por imperativo legal, “xa que a actual normativa autonómica de Protección e Benestar dos Animais de Compañía non permite a alimentación de animais abandonados vagabundos ou extraviados nas vías públicas sen contar coa correspondente autorización municipal, agás en situacións que poidan comprometer o benestar dos animais (é dicir, excepcionalmente)”. “A elaboración do censo é esencial para poder outorgar estes permisos, que se traducirán na creación duns carnés cuns códigos QR para que a Policía poida identificar con facilidade aos responsables de cada colonia concreta”, subliña o edil do PSOE.

Asemade, tal e como sinala o concelleiro de Benestar Animal, “será unha ferramenta moi importante para coñecer a evolución e estado de saúde de cada colonia e saber cales poden estar máis ou menos descontroladas, de xeito que nos permita actuar de maneira moito máis eficaz co noso plan CES (Captura, Esterilización e Solta) e facilitar considerablemente o labor de control por parte dos técnicos municipais”. Marcos Rey agarda que Difusión Felina poida ter o censo rematado ao longo deste mes, iniciándose a partir de aí unha planificación conxunta do CES polos técnicos e as asociacións implicadas.

O concelleiro de Benestar Social destacou o traballo que desde hai dez anos leva efectuando Difusión Felina a prol do coidado “de gatos salvaxes de colonia, gatos domésticos abandonados, gatos que caen das ventás, atropelados, aqueles aos que se lles dispara balíns…”.