- Estanse a empregar catro brigadas con tractores e desbrozadoras, e persoal a pé para traballos en espazos complexos, recollida das rozas e soprado das marxes
- Realízanse rozas en estradas e camiños, torreiros das festas, lugares de centralidade parroquial e parques infantís, co obxecto de ter estes espazos públicos en óptimas condicións de uso durante o verán
A Concellaría de xestión de residuos e limpeza viaria, que xestiona Raimundo González Carballo, vén de iniciar o gran operativo de roza e limpeza nas parroquias do rural, comezando, tal e como estaba previsto, pola parroquia de Mourente. O obxectivo destes traballos é o de someter a unha roza exhaustiva todos aqueles espazos públicos de titularidade municipal, sexan vías, parques infantís, torreiros das festas, zonas verdes, lugares de centralidade parroquial e espazos periurbanos.
Neste operativo están participando catro brigadas con dous tractores e dúas desbrozadoras, así como persoal a pé que traballa manualmente nos espazos máis complicados e con maquinaria pequena. Deste xeito, coordinando as brigadas con maquinaria e as brigadas a pé realízanse todos os traballos de roza e limpeza á vez en cada parroquia, quedando lista na mesma semana.
A intervención de maior envergadura corre, por tanto, a cargo das brigadas que conducen as desbrozadoras e tractores, e compleméntase con labores manuais que realiza o equipo a pé encargado da limpeza dos espazos máis complicados, así como da recollida das rozas e do soprado das marxes. Con carácter xeral, os traballos inclúen a roza de maleza, a retirada de entullos, así como a limpeza de beiravías e de canalizacións de pluviais que poidan estar tapadas por terra durante o inverno.
Ademais das vías municipais, este operativo tamén contempla o mantemento e limpeza dos parques infantís do rural (Salcedo, Ponte Sampaio, Canicouva…) para retirar herbas, follas e entullos, de xeito que os rapaces e rapazas poidan empregar a pleno rendemento estes equipamentos na tempada estival.
Do mesmo xeito, tamén se atende á limpeza e roza nos espazos de centralidade parroquial cun zafarrancho especial en todos estes ámbitos do Concello para que a veciñanza os volva empregar con comodidade e seguridade.
Por último, convén lembrar que unha brigada atenderá a limpeza e roza nos ámbitos periurbanos da cidade, como por exemplo Mollavao ou Monte Porreiro, que requiren de atención por non ter unha condición estritamente urbana. Aquí tamén se empregará maquinara pesada e nos espazos máis complexos, farase á man.
Este programa segue unha planificación para obter o maior rendemento de todas as dotacións das que dispón este zafarrancho. O plan vén de comezar pola parroquia de Mourente, continuará por Bora, Marcón e Tomeza, e seguirá polas parroquias do sur do Concello para rematar na zona norte, até completar as 15 parroquias do rural pontevedrés.