- Atendendo a un acordo da Xunta de portavoces, para a defensa de mocións fíxanse 7 minutos para a primeira intervención, 3 para a quenda de réplica e 2 para o peche final. O resto dos grupos, disporán de 4 minutos para a primeira intervención e 2 para a réplica
Os servizos municipais de Informática e Administración electrónica xa están traballando na instalación dun sistema de cronómeto co obxecto de limitar as intervencións nos Plenos municipais. Anunciouno esta mañá a portavoz municipal, Anabel Gulías, quen explicou que os tempos para cada intervención na defensa de mocións xa foran fixados en Xunta de portavoces en xullo de 2019.
Segundo se recolle na acta daquela sesión, fixouse para cada asunto que o tempo máximo de exposición do poñente sería de 7 minutos na primeira intervención, 3 na quenda de réplica e 2 minutos para o peche final. O resto dos grupos, en cada asunto, disporán de 4 minutos de tmepo para a primeira intervención e 2 minutos para a réplica.
Anabel Gulías enmarcou este sistema de cronómetro no paquete de melloras “para modernización da Administración pública e na vontade de seguir traballando para crear instrumentos eficaces e áxiles para mellorar a relación cos veciños e coas veciñas”. Asegurou que a implantación do sistema de crono nos Plenos non era unha acción urxente, mais si necesaria para ir avanzando “nese camiño de modernización que iniciamos hai tempo” e no que incluíu iniciativas como a retransmisión das sesións plenarias en streaming e a gravación dixital das actas.
Indicou que a previsión é que o sistema de crono xa poida utilizarse no Pleno deste mes de xullo pero que, en caso de non fose posible, entraría en funcionamento do seguinte pleno, que previsiblemente será o de setembro.