O Concello recibe 27 portfolios para o proceso de deseño da nova imaxe corporativa

70
  • Mañá reúnense o equipo municipal e o comité de expertos para iniciar o proceso de selección das catro candidaturas que pasarán á segunda fase 
  • A previsión é contar con nova imaxe institucional despois do verán

A portavoz do Goberno municipal, Anabel Gulías, informou esta mañá que o Concello recibiu un total de 27 portfolios para participar no proceso de selección para o deseño da nova imaxe corporativa institucional, procedentes de toda Galiza e tamén do resto do Estado. Anunciou, ademais, que mañá está previsto que se proceda xa ao inicio da selección das 4 candidaturas que pasarán á segunda fase, e ás que se lles cursará convite para que presenten as súas propostas de imagotipo coa correspondente memoria e definición da imaxe en diferentes soportes e aplicacións. 

Anabel Gulías asegurou que a previsión é “resolver este proceso nun tempo prudencial para comezar o curso con nova imaxe e con novas actividades en relación a este proceso de selección”, ao tempo que cualificou o deseño dunha nova imaxe institucional como “un reto” que permitirá que a evolución de Pontevedra nos últimos anos “teña un correlato na súa imaxe gráfica”.

Anabel Gulías explicou que a xornada de traballo comezará cunha repcepción do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ao comité de expertos que se encargará de asesorar no proceso e que está composto por dúas persoas da Asociación Galega de Deseño (DAG) e por catro docentes do Campus Crea: Marcos Dopico, decano-comisario da nova Facultade de Deseño; Cristina Varela, secretaria do Grao de deseño; Juan Manuel Corbacho e Alberto Dafonte, docentes de Ciencias audiovisuais e publicidade. Por parte do Concello, participarán neste proceso de selección a concelleira de Réxime Interior, Contratación e Promoción da Cidade, dúas técnicas do departamento de Comunicación, o xefe da OTA, e unha técnica de Secretaría.

Convén lembrar que as 4 empresas que pasen á segunda fase, serán compensadas con 950 euros para gastos na elaboración das propostas, e a adxudicataria final subscribirá un contrato por un importe de 12.000 euros para desenvolver a imaxe corporativa definitiva.