- Terá lugar na praza da Ferraría esta fin de semana e, ademais dos pasacalles e os concertos no escenario, tamén inclúe a presentación da reedición da biografía de Ricardo Portela
- A XIX Mostra de Artesáns de instrumentos tradicionais volve instalarse no paseo de Antonio Odriozola de 17h a 21:30h e contará cunha ducia de postos
O XXII Memorial Ricardo Portela, organizado pola Concellaría de Festas en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos, homenaxea ao gaiteiro, palleteiro e artesán Xaquín Míguez Rodríguez ‘O Xocas’. O Memorial terá lugar durante os días 9, 10 e 11 de xullo na praza da Ferraría e, como novidade nesta edición, a Asociación de Gaiteiros Galegos presenta a reedición da biografía de Ricardo Portela, que fora editada en 1988 en vida do gaiteiro de Viascón.
Segundo explica Alberto Pires da Asociación de Gaiteiros Galegos, elección de Xocas como figura homenaxeada este ano responde “á vontade de homenaxear a un gaiteiro recentemente falecido, moi querido e valorado e que ademais fixo unha gran contribución ao desenvolvemento do instumento compartindo o seu coñecemento de autodidacta”. Alberto Pires salienta especialmente que Xocas “compartía o seu saber e a súa conversa con todo aquel que o visitaba no seu obradoiro, porque sempre tiña as portas abertas para todo o mundo”.
Xocas naceu nas Muras en 1940, no concello de Pazos de Borbén, nunha familia de músicos. Seu avó era gaiteiro e palleteiro e seu pai, tamén gaiteiro, formaba parte do grupo “Os Airiños de Pazos”, de xeito que Xocas naceu xa en contacto coa gaita e con só dez anos xa integraba a súa propia formación, “Los infantiles de Las Muras”. En 1954 emigrou xunto con seu pai ao Brasil e de volta en Galiza enrolouse nun barco cableiro e arribou a moitos países de Europa e América, sempre acompañado da gaita.
Unha vez instalado de volta no seu Pazos natal, dedicouse tando a tocar como a compoñer ocasionalmente e, e sobre todo, a fabricar artesanalmente as súas gaitas e as súas propias palletas, actividade na que destacou como un grande autodidacta. Faleceu o 27 de xullo do ano 2019 na mesma casa das Muras que o viu nacer.
O libro ‘Ricardo Portela. Dúas palabras verbo da gaita galega’
Neste Memorial presentarase (sábado ás 20:30h) a reedición da biografía ‘Ricardo Portela. Dúas palabras verbo da gaita galega’ coa presenza do seu autor, José Luis Calle García. O libro, que fora editado en 1988 en vida do gaiteiro de Viascón, conta agora con 4 capítulos novos que fan referencia á pegada que Ricardo Portela deixou tras o seu pasamento. Tanto a primeira edición como esta reedición corren a cargo da Deputación de Pontevedra.
Trátase dun libro de referencia para a música tradicional que non só achega a vida do gran mestre senón que afonda na súa técnica e no seu xeito de expresar coa gaita. Convén lembrar que Ricardo Portela é un dos gaiteiros mais recoñecidos do país, firme defensor da gaita e da figura do gaiteiro e elo fundamental entre a gaita tradicional e a gaita actual. Reivindicou o toque pechado, as formas propias e diferenciais de tocar a gaita galega e negouse sistematicamente a facer soar a gaita nos intres e lugares onde non se escoitase coa debida atención e respecto. O seu repertorio foi e segue sendo fonte de inspiración para todos e todas as gaiteiras galegas
A Asociación Galega de Gaiteiros tiña intención de presentar esta reedición en 2020 con motivo do centenario do nacemento de Ricardo Portela, mais por mor da situación sanitaria adiou a presentación para facela coincidir co Memorial. O libro foi distribuído entre todos os socios da Asociación e estará dispoñible no posto que teñen na Mostra de Artesanía.
A XIX Mostra de Artesanía de instrumentos tradicionais volverá instalarse como todos os anos no paseo Antonio Odriozola e contará con doce postos: Afonso Castro (O Rosal), Alberto Pires (Pontesampaio), Diego Langarika (Mondariz), Iago Salgado (Teo), Lorena Reinaldo (Soutomaior), Luís Martínez (Soutomaior), Master Gaita (Sada), Nebra (Porto do Son), Queima (Redondela), Suso Gestal (Ordes), Tunhas (Brión), Xaneco (Outeiro de Rei)
Programa
Pasarrúas:
- Venres: Arghaço (Cangas do Morrazo), Ghaiteiras d’Arredor (Bueu), Gaiteiros da Rias Baixas (Pontevedra) e Herbaxeiros Gaiteiros (A Coruña)
- Sábado: Boucisca (Lugo), Gaiteiro de Poio (Compostela), Os Lerenses (Pontevedra) e Picuiña (Marín)
- Domingo: Gaiteiros do Ulla (Vedra), Gargallada (A Coruña), Lubicáns (Ourense) e Os Mecos de Ogrobe (O Grove)
Concertos no escenario:
- Acordeireta: dúo composto por Patricia González Iglesias (voz, pandeireta, culleres) e Alejandro Balbuena Ojea (acordeón, zanfona, bombo e voz) que presentan o seu traballo “Loitar Cantando”, o seu primeiro disco
- Alvariza: grupo de música galega composto por músicos formados en distintos estilos (tradicional, clásico e incluso música moderna) e que, pola diversidade da súa instrumentación, acada unha gran versatilidade sonora e rítmica conseguindo unha identidade propia que se pode apreciar tanto nos temas recollidos coma nos de autor . Presentan o seu traballo “Denominación de Orixe”.
- Ghaveta: grupo de música tradicional composto por Beatriz Martínez (arpa e culleres), Marta Martínez (voz, percusións e bouzouki), Diego Langarika (guitarra acústica e bouzouki) e Felipe Rodicio (violín) que presentan o seu traballo “A raíz do pensamento”.