A reforma do parque da rúa Luis Otero custará 400.000 € e incluirá a creación de dúas canchas polideportivas e unha zona de street workout

357
  • O proxecto impulsado polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, plantexa a dotación dun novo parque infantil con áreas de xogo segundo idades e necesidades
  • A actuación tamén contempla un espazo para soltar os cans e a mellora da integración do estanque na súa contorna, abríndoo polo norte e xerando dúas zonas de estancia nas beiras da auga

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural investirá 400.000 euros no proxecto de reforma integral do parque de Pasarón, no que se inclúe a creación dunha espectacular área de lecer infantil con elementos para distintas idades e necesidades, a dotación de dúas canchas polideportivas para xogos de pelota streetball e a ampliación da superficie do parque cara unha parcela lindante situada entre a rúa Joaquín González e a avenida de Compostela cunha zona de street workout e un espazo específico valado perimetralmente para que os cans poidan estar soltos. A actuación, que o socialista Iván Puentes pretende executar este mesmo ano e cuxo orzamento foi incluído na última modificación de crédito aprobada polo Concello, tamén contempla a mellora da integración do estanque na súa contorna, abríndoo polo norte, desmontando parte do dique existente (que actúa como unha barreira) e xerando dúas zonas de estancia nas beiras da auga.

Así o avanzou o propio Puentes esta mañá no contexto dunha visita ao parque de Pasarón para ultimar os elementos desta ambiciosa reforma, na que estivo acompañado polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández. Segundo afirmou o edil de Desenvolvemento Sostible, este proxecto enmárcase no plan co que ámbalas concellerías pretenden “enriquecer a rede de áreas de esparcemento Verde Urbano cunha oferta que incorpore espazos de lecer e deportivos para tódalas franxas de idade, neste caso coa dotación dunha instalación para a práctica de calistenia e dunha zona de street fútbol con dúas pistas”.

Entre os obxectivos da actuación están o de ofertar diferentes xogos coa construción dun novo parque infantil con zonas segundo as idades e necesidades dos nenos usuarios; a potenciación do parque como lugar de encontro e socialización comunitaria do barrio do Burgo; o incremento do seu valor paisaxístico mediante traballos de limpeza, acondicionamento e axardinamento; a mellora da súa capacidade de acollida e confort coa xeración de zonas estancia e lecer con mobiliario e iluminación axeitadas, e a incorporación de criterios de deseño que garantan unhas óptimas condicións sanitarias nesta nova normalidade marcada pola Covid-19. As obras prevén a mellora da iluminación mediante luminarias LED e da conexión coa contorna, facilitando o enlace cos diferentes espazos mediante camiños de acceso adaptados, en particular no que se refire á comunicación con lugares de referencia socio-comunitaria do barrio.

Pistas de street fútbol con paneis antisón

Tal e como explicou Iván Puentes, “existe neste parque unha necesidade palpable de novas zonas de xogo, así como de zonas deportivas delimitadas, que permitan unha mellor convivencia da práctica informal do fútbol co tránsito peonil nas beirarrúas que o rodean e coas restantes actividades que se poidan desenvolver”. “Contémplase a completa renovación do parque de xogos en base ás normativas autonómica e europea en materia de seguridade -precisou o socialista- e proxéctanse dúas pistas de street fútbol de 8×5 metros conformadas cada unha por dúas miniporterías e paneis antisón”.

Tino Fernández indicou que, ao igual que se vai facer noutras zonas da cidade como a Illa das Esculturas e Mollabao, o parque de Pasarón  ampliarase cara o seu leste, cara a avenida de Compostela, coa instalación “dunha zona de calistenia ou street workout para facer exercicio físico ao aire libre co propio peso corporal”. O tenente de alcalde adiantou que este espazo de adestramento permitirá “realizar exercicios dinámicos e creativos nun contexto semellante a dun parque infantil para os cativos, podendo practicarse deporte de xeito cooperativo, involucrando a dúas ou máis persoas que se axuden e se motiven entre si, e proporcionando tamén equipos de carácter inclusivo”.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible asegurou ademais que “dentro dos espazos verdes que conforman o parque da rúa Luis Otero, entendeuse de grande axuda cara a unha organización óptima de usos a creación dunha área específica destinada aos cans na súa zona sur-leste (na parte baixa desta mesma parcela), na que estes poidan xogar libremente sen risco de que escapen”. 

“Realizaremos unha obra de peche perimetral do parque mediante malla metálica de simple torsión galvanizada de 200 cm de altura rematada en verde e postes de tubo de diámetro 48 mm de aceiro galvanizado dispostos cada 2 metros e recibidos con formigón. Este peche terá unha finalidade de delimitación dos diferentes espazos, así como de integración e de protección do parque. Tamén se instalará unha fonte adaptada para bebedoiro dos animais e bancos de madeira con pés metálicos”, apuntou Iván Puentes. 

O novo parque infantil estará dotado dun conxunto de xogos, redes de trepa, escaleiras, tobogáns e paneis activos, para nenos e nenas de 1 a 14 anos, admitindo o emprego de 45 usuarios simultáneos, así como de pavimento amortecedor, céspede artificial e valado perimetral. O circuíto de adestramento de street workout disporá de 10 estacións distintas, ofrecendo unha auténtica experiencia de calistenia na rúa.

Os labores de axardinamento prevén a subministración e plantación de nova vexetación, a semente de pradeiras, a achega de terra vexetal e a instalación dun sistema de rega automatizado.

Tanto Tino Fernández como Iván Puentes fixeron especial fincapé na ampla participación cidadá coa que foi deseñado este proxecto, abríndose un período de presentación de suxestións no que foron rexistradas decenas de achegas e recomendacións (boa parte delas recollidas na memoria valorada presentada polo Servizo de Parques e Xardíns).