‘O Telescopio da Cultura’ amosa a panorámica de toda oferta cultural no Pazo e no Teatro ata final de ano

5
  • Abrangue desde o concerto de Voices con The Jayhawks e Os amigos dos músicos de mañá ata o de Carlos Núñez en decembro, pasando por teatro, audiovisual, exposicións, matinés ou o Culturgal
  • Inclúe unha vintena de actividades, concentradas no último cuadrimestre do ano, nunha “aposta clara e decidida” polo tecido cultural do país

A concelleira de Cultural, Carme Fouces, presentou esta mañá ‘O Telescopio da Cultura’, a programación cultural que o Concello oferta desde o Pazo da Cultura e o Teatro Principal desde mañá ata finais de decembro. “É unha programación de luxo e que ademais vai acorde cos criterios que desde o Concello estamos poñendo en marcha desde o inicio da pandemia orientados á reactivación, desde os orzamentos municipais, do ámbito cultural e de todo o tecido que se move e traballa ao redor da cultura”.

Así, Carme Fouces salientou o gran concerto de Voices Verán que terá lugar mañá na explanada do Pazo da Cultura, no que se darán cita a formación de Minessotta The Jayhawks e a de Ourense Os Amigos dos Músicos, e que debido á situación sanitaria será con público sentado en cadeiras con distancia de seguridade. Convén lembrar que o concerto de The Jayhawks xa fora programado para o ano pasado e quedara adiado por mor da pandemia.

A partires de setembro, e collendo o testemuño do programa de festas e actividades de verán, a programación de ‘O Telescopio da Cultura’ continuará con artes plásticas, artes plásticas, audiovisual e artes escénicas con propostas como o Festival das Núbebes, Amal en ruta e a exposición do alumnado de Belas Artes. No último trimestre, a concelleira salientou as Matinés, os concertos de Silvia Pérez Cruz, Madeleine Peyroux, e Carlos Núñez, así como a gala dos Premios Galegos da Música. No eido das exposicións, a sala do Pazo acollerá ‘El arte en el cómic’ da Fundación Telefónica e a exposición de Esdemga, mentres que no relativo ás artes escénicas volverá Ponteatro con seis funcións. Tamén volverá o Culturgal, e está previsto engadir nos vindeiros meses unha nova edición de Novos Cinemas, así como outras propostas que a esta altura do ano aínda non están totalmente pechadas.  

Carme Fouces asegurou que esta aposta por manter e recuperar os principais ciclos e programas que se desenvolven no Pazo e no Teatro Principal “responde a un criterio político de aposta decidida e clara pola Cultura”, ao tempo que indiciou que presentar o grosso da programación a estas alturas do ano “tamén favorece que o público, que é realmente para o que estamos a traballar, teña un visionado global do que vai pasar de aquí a decembro e se poida organizar”.