O alcalde traslada o proxecto da Variante de Alba ao presidente da Xunta para o seu estudo

100

A proposta municipal vai acompañada de cartas a Núñez Feijóo e á conselleira de Infraestruturas explicando o posicionamento municipal, resumindo o proxecto e debullando os apoios cos que conta esta vía que permitirá conectar as estradas de Vilagarcía e Santiago, fuxindo da de San Caetano.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores enviou esta semana ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, o Estudo de alternativas propostas para o proxecto “Variante de Alba PO-531 – N-550” que vén de adaptar o Concello. O alcalde xa informara telefonicamente ao presidente da Xunta hai uns días xa que quere coñecer a opinión del por ser determinante para que o proxecto se faga ou non.

O alcalde analiza na carta remitida a Feijóo a situación actual do proxecto. Relata que o Concello mantén a variante escollida pola Consellería de Infraestruturas, adaptándoa ao terreo resolvendo as principais afeccións da proposta inicial da Xunta, tanto as recollidas nas alegacións do Concello como as dos principais afectados.

Lembra que se trata dunha vía con clara finalidade urbana: boa iluminación, pasos de peóns sobreelevados e reductores de velocidade, espazo para peóns e para ciclistas, dous carrís de tráfico en cada sentido de circulación. Como ten dito o alcalde “unha vía que se fai nunha esquina da parroquia e que une lugares como Campañó e Lérez”.

Ao tempo, lle traslada que a adaptación municipal conta co apoio dos veciños e veciñas das parroquias de Alba e Lérez. O alcalde chegou a explicar que “nos chegan impactos positivos dende a parroquia de Campañó”.

Tamén lle recorda que é preciso realizar unha vía que una as estradas de Vilagarcía e Santiago, cun trazado adaptado ao terreo como se fixo coa avenida de Josefina Arruti, a nova vía de Tafisa aos Campos (recentemente inaugurada) ou a conexión entre Monte Porreiro e a estrada de Santiago.

Na carta remitida á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, o alcalde exprésase nos mesmos termos que co presidente da Xunta, ofrecendo a súa colaboración para levar adiante o proxecto que é máis barato que o que presentara a Consellería, e agardando que a resposta sexa positiva.