Esgotadas as prazas para as visitas da Semana do Patrimonio Invisible

11
  • En menos de tres horas completáronse todas as prazas dispoñibles para as 15 visitas programadas na segunda edición deste programa en Pontevedra
  • As visitas, que terán lugar entre o 15 e o 17 de xullo, permitirán descubrir espazos singulares do Arquivo Histórico provincial, depósito e cemiterio de San Amaro, xardíns de Lourizán, Villa Pilar e colexio Sagrado Corazón

Ás 11h de onte, sábado 10 de xullo, abríase o prazo de inscrición para participar nas visitas da Semana do Patrimonio Invisible e sobre as 13:30h completábanse todos os grupos. Ao igual que ocorrera na pasada edición, nos primeiros 10 minutos esgotáronse preto do 90% das prazas. 

Nesta segunda edición do programa habilitáronse un total de 350 prazas para as 15 visitas. Cada visita contará con dous grupos (entre 12 e 15 persoas dependendo do espazo) que iniciarán o itinerario en puntos diferentes e realizarán o percorrido a través dos mesmos elementos pero en distintos momentos e sen que se produzan interferencias entre os grupos.

A Semana do Patrimonio Invisible, organizada pola Concellaría de Patrimonio Histórico, xestionada por Xaquín Moreda, terá lugar os días 15, 16 e 17 de xullo e permitirá  acceder a cinco espazos singulares da cidade que ou ben responden á característica de permanecer pechados, ou que aínda sendo visitables teñen zonas descoñecidas para a maioría do público. Así, nesta segunda edición inclúense tres espazos novos: o Arquivo Histórico provincial, o depósito e cemiterio de San Amaro, e os xardíns de Lourizán; e repiten Villa Pilar e o colexio Sagrado Corazón de Praceres.

As visitas terán unha duración dunha hora cada unha e serán guiadas por persoal especializado que dará a coñecer estes espazos con rigor histórico, abordando cuestións relacionadas coa arquitectura e a súa historia particular,  como o tipo de construción ao que responden ou mesmo as familias que os habitaron en diferentes épocas.