Desenvolvemento Sostible convídanos a viaxar pola historia da Alameda do Arquitecto Sesmero mediante unha aplicación de realidade aumentada

42
  • A Concellería que dirixe Iván Puentes instalará dúas peañas interpretativas nas cabeceiras do parque. Enfocando nelas coa cámara do móbil transformaranse en maquetas 3D interactivas
  • A app, desenvolvida pola firma Xoia Software Development, permitirá que nos mergullemos nas distintas etapas da Alameda e da súa historia previa en tres idiomas a través da voz de Sesmero

A evolución histórica da Alameda do Arquitecto Alejandro Sesmero será accesible a golpe de teléfono móbil para calquera pontevedrés ou turista grazas a un proxecto piloto de carácter interactivo impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural en colaboración coa firma Xoia Software Development SL. Mediante unha app de realidade aumentada, convidarase aos cidadáns a desfrutar dunha experiencia que lles permitirá botar unha ollada ao pasado e coñecer, ver e interactuar coa historia dun dos parques máis senlleiros da cidade dun xeito inmersivo: unha tecnoloxía que, como se dun portal no tempo se tratara, é capaz de transformar o mundo real e de viaxar no tempo a través dunha peaña interpretativa.

Coa devandita aplicación móbil, denominada ‘Camiñando pola historia: Alameda Arquitecto Sesmero’, calquera pontevedrés ou visitante que se achegue ata as cabeceiras da Alameda poderá, enfocando as peañas coa cámara do teléfono, activar unha maqueta en 3D, interactiva e a escala, na que aparecerán as distintas etapas do parque e mesmo a súa historia previa, coas murallas e o convento de Santo Domingo aínda presente, mentres o propio Sesmero, de viva voz, os mergullará nos momentos clave da mesma. Unha experiencia que, como avanza o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, “será ademais accesible para turistas estranxeiros, ao estar dispoñible en tres idiomas, e para persoas con diversidade sensorial, ao contar tamén con subtítulos”.

Segundo sinala o edil socialista, “como ferramenta de xestión turística, esta aplicación e a realidade aumentada fan posible crear un produto innovador, interactivo e educativo, no que, en lugar de imaxinar, podemos ver e vivir a historia que queremos divulgar, mellorando e potenciando a experiencia dos visitantes ou dos propios cidadáns e escolares de Pontevedra”. “Ademais, pode converterse nun instrumento moi útil para impulsar distintos puntos da cidade e redistribuír así o fluxo de visitantes, dando a coñecer lugares e recursos que até o de agora están a pasar máis desapercibidos. Non debe ser concibida pois unicamente como unha aplicación ou un roteiro, senón como unha nova forma de comunicarse, de interpretar a cultura, de vivir a cidade dunha maneira divertida, pedagóxica e innovadora”, explica Puentes.

Tal e como apunta o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, as dúas peañas interactivas serán instaladas respectivamente nas inmediacións das escaleiras de acceso próximas á avenida Raíña Vitoria e nos xardíns da Praza de España, ata onde o edil do PSOE se achegou acompañado do xefe do Servizo de Parques, Manolo Fontán, para analizar un posible punto exacto de colocación. Ámbolos dous mantiveron nestes días unha reunión sobre o terreo cos responsables de Xoia Software para ultimar tódolos aspectos do proxecto, ao que o departamento que dirixe Iván Puentes destinou unha achega económica de 15.000 euros.