O Concello inicia o proceso de licitación para renovar o coche oficial da Alcaldía

6
  • O orzamento de licitación sitúase en 74.415 euros e o prazo de entrega será de 4 meses, unha vez sexa adxudicado o contrato
  • O novo vehículo será unha berlina de cor azul escura, con tecnoloxía híbrida e unha potencia media de entre 120 e 150 CV

A portavoz municipal, Anabel Gulías, informou esta mañá que a Xunta de Goberno local vén de dar luz verde ao inicio do expediente de contratación para a adquisición do vehículo oficial a servizo da Alcaldía do Concello de Pontevedra. 

A portavoz indiciou que “o procedemento de contratación está aberto a todos os concesionarios que se queiran presentar” e que o orzamento de licitación se sitúa en  74.415 euros co IVE xa engadido. O expediente marca un prazo de entrega do vehículo será de 4 meses a partires de que se finalice o proceso de adxudicación. 

Anabel Gulías tamén aproveitou para lembrar as principais caracterísicas do novo vehículo: unha berlina de cor azul escura, con tecnoloxía híbrida e potencia media de entre 120 e 150 CV. 

Convén lembrar que o anterior coche oficial asignado á Alcaldía de Pontevedra era un Audi A6 TDI mercado no ano 1997 por 6,5 millóns de pesetas. Nos seus 24 anos de vida útil acumulou preto de 300.000 kilómetros e unha rotura da correa de distribución así como outras avaría menores fixeron inviable a súa reparación.