O Goberno municipal cualifica o último informe de Ence como “un intento máis de comprar vontades”

10
  • A portavoz municipal asegura que se trata dun “informe escrito ao ditado” e que “non é casual que chegue xusto cando estamos agardando unha decisión da Audiencia Nacional

A portavoz municipal, Anabel Gulías, asegurou esta mañá que tras coñecer polo medios de comunicación o último informe de Ence (no que argumenta sobre a imposibilidade do traslado da empresa), que se trata dun “informe escrito ao ditado, que quere seguir comprando vontades e agardamos que a decisión da Audiencia Nacional vaia no sentido contrario e poidamos gozar da nosa ría e da nosa cidade”.

Anabel Gulías afirmou que “o que presenta a empresa non é nada novo, só un informe de parte máis, un informe feito por unha consultora que desde o noso punto de vista ten unha función amuense, é dicir, escribe ao ditado ou ás ordes da empresa que lle paga”. Neste sentido, lembrou que se trata da mesma consultora que lle fixo os informes a Ence para a Audiencia Nacional e tamén a que lle fixo o plan sectorial.

“Cando se contrata unha consultora para facer informes de parte o sorprendente sería que achegara unha conclusión nova” indicou a portavoz, ao tempo que asegurou que non só non di nada novo senón que “o que si sorprende é que o faga dunha forma tan burda e que non disimule, porque dicir que Ence se ten que quedar en Pontevedra porque o único río que parece que ten caudal neste país dos 1.000 ríos sexa o Lérez non se axusta a criterios obxectivos”. Sobre este punto, Anabel Gulías afirmou que “parece que o Lérez é o novo Amazonas e desde logo nós non podemos compartir este tipo de conclusións”.

“Semella un intento máis de comprar vontades e de comprar a opinión pública de Pontevedra” asegurou a concelleira, quen sinalou que “non é casual que chegue neste momento e non é casual que chegue xusto cando estamos agardando unha decisión da Audiencia Nacional”.

Tamén fixo fincapé en que “a insistencia de Ence para quedarse en Pontevedra é simplemente para seguir gozando de privilexios e beneficios a custe cero que ten nesta ubicación, cun terreo gratis e un subministro de auga gratis”, e lembrou que precisamente  “son estes privilexios aos que o goberno local se enfronta e se seguirá enfrontando”.  

Por último volveu insistir en que o Goberno municipal “mantemos a nosa declaración de intencións de garantir o o dereito de Pontevedra a recuperar a súa ría, de ter unha ría saneada, o dereito dos veciños e das veciñas a vivir con tranquilidade, e o dereito dos pontevedreses e das pontevedresas que non nos resignamos a non volver ver as nosas rías, as nosas praias e o noso territorio”.