A modificación do Peprica permite recuperar a Reitoral de San Bartolomé o Vello e usar o subsolo dos edificios do Museo
30
Museo de Pontevedra Castro Monteagudo e Fernandez Lopez
A Comisión de Urbanismo tivo coñecemento de ambos expedientes que serán sometidos a aprobación inicial pola Xunta de Goberno nos vindeiros días.
Na Horta do Cura permítese a recuperación da antiga Casa Reitoral de San Bartolomé o Vello, e no Museo o uso do subsolo baixo os edificios Castro Monteagudo, Fernández López e García López.
O Concello de Pontevedra xa ten rematado os expedientes para a modificación puntual do Peprica (Plan Especial de Protección, Reforma Interior e Conservación Artística) na Horta do Cura e nos edificios do Museo que permitirán, por un lado, a rehabilitación da antiga casa reitoral de San Bartolomé o Vello na rúa Don Filiberto, e o uso do subsolo baixo os edificios do Museo de Pontevedra: Castro Monteagudo, García López e Fernández López, situados no ámbito da praza da Leña.
O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda explicou ao remate da Comisión que a modificación puntual da Horta do Cura faise en base a un documento histórico de 1854 no que Arciprestazgo do Morrazo facía unha explicación prolixa de como era o edificio, e tamén en base aos achados arqueolóxicos que se atoparon na parcela.
A tramitación do expediente xa dispón de todos os informes sectoriais necesarios, e a Xunta de Goberno Local aprobará proximamente e de maneira inicial, a modificación do Peprica para a rehabilitación do edificio para uso residencial. Inicialmente estaba solicitada unha licenza para uso hosteleiro e residencial, pero a propiedade presentou unha modificación da licenza para uso residencial exclusivo. Esta licenza está en tramitación.
Edificios do Museo
A segunda modificación do Peprica é a relativa aos edificios do Museo de Pontevedra: Castro Monteagudo, García López e Fernández López (ademais dunha edificación adxacente) para o uso do subsolo dos inmobles. Nesta modificación puntual cámbianse as catro fichas dos edificios incluídas dentro do Plan especial.
Tamén se modifica o plano 02 do mesmo Plan no que se recollían as superficies do centro histórico nas que se podería facer un aproveitamento do subsolo. Até o de agora están incluídos o CITA e a cabeceira sur da Ponte do Burgo, onde no seu día estivo proxectado un museo cos achados arqueolóxicos de Valentín García Escudero. Nesta modificación, este plano amplíase co uso do subsolo no relativo a estes tres edificios do Museo.
Finalmente, modifícase o artigo 86 do Peprica para adaptalo á nova Lei de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia que resulta máis laxa no caso de ter que intervir nas estruturas a conservar dos edificios.
Plan de usos do Porto
A Comisión de Urbanismo tamén tivo coñecemento do Plan de usos de Portos de Galicia, impulsado pola Xunta, no que se inclúe o edificio de Portos nas Corvaceiras e tamén o Club Naval.
As alegacións do Concello de Pontevedra ao Plan de usos, é relativa a que non se autoricen os usos comerciais e industriais que non estean vinculados aos portuarios, tal e como recolle o Plan Xeral de Pontevedra.