Desenvolvemento Sostible destina máis de 12.000 euros á renovación integral do parque infantil de Valentín García Escudero

23

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural acaba de poñer en marcha os traballos de renovación integral do parque infantil da Praza de Valentín García Escudero (nas inmediacións da ponte do Burgo). O proxecto, no que departamento que dirixe o socialista Iván Puentes investirá máis de 12.000 euros, inclúe unha completa reparación dos elementos de xogo que conforman a peculiar estrutura en forma de barco desta área de lecer, substituíndo as pezas deterioradas ou en mal estado, así como as cordas, parafusos e ancoraxes.


Segundo explica o propio Puentes, as obras, que están a ser executadas polos operarios da firma especializada Garocaprim SL, tamén contemplan “o tratamento de tódalas pezas de madeira mediante verniz e pintado, e a restauración do pavimento de caucho cunha importante achega de material e recrecido para garantir unhas condicións óptimas de amortecemento, cumprindo así coas pautas de seguridade establecidas na normativa europea UNE-EN 1176 e o Decreto autonómico 245/2003”. “Asemade, o parque infantil de García Escudero está cercado perimetralmente por un valado metálico de cor verde que se atopa oxidado e mesmo corroído na súa base en varios puntos, polo que, aproveitando estas actuacións, que estarán rematadas en dúas ou tres semanas, tamén o imos substituír na súa totalidade por un valo de madeira”, subliñou o edil do PSOE.


Iván Puentes lembrou que este proxecto, como o resto das reformas que o Servizo de Parques e Xardíns está a coordinar en tódolos espazos de lecer infantil da cidade, segue as directrices e recomendacións establecidas mediante unha auditoría previa realizada pola empresa Solucións Técnicas de Ocio (STO), contratada polo Concello para estudar as condicións de seguridade dos parques, verificar que respectan as normativas europea e galega en materia de seguridade, valorar as reparacións necesarias e emitir os correspondentes certificados da Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) unha vez que as cumpren. Ademais de garantir que os pavimentos contan coas axeitadas condicións de amortecemento das caídas, os técnicos tamén supervisan os diámetros dos distintos elementos para evitar que se produzan atrapamentos de dedos ou pescozo, as distancias entre xogos ou o estado de conservación das superficies.