O protocolo do servizo de auxilio a domicilio coordinado entre Benestar Social e a Policía Local prevé a atención dunhas 30 emerxencias anuais

12
  • O servizo, prestado en colaboración coa empresa Idades, permite dar resposta as 24 horas aos casos de emerxencia vencellados a persoas maiores ou con déficit de autonomía

O protocolo do servizo de auxilio a domicilio activado a principios de maio pola Concellería de Benestar Social en colaboración coa Policía Local e a empresa Idades, co que se pretende dar unha resposta as 24 horas a todos aqueles casos de emerxencia vencellados a persoas maiores ou con déficit de autonomía detectados polas Forzas e Corpos de Seguridade, prevé a atención dunhas 30 persoas ao ano (uns 30 servizos cunha duración de 3 horas cada un, o que se traduciría nunhas 90 horas de prestación). En base ao devandito protocolo, entre as tarefas de carácter doméstico e/ou persoal que os profesionais de Idades ofrecen de xeito puntual e inmediato en relación a persoas asistidas de urxencia pola Policía Local (a consecuencia de avisos por caídas fortuítas nos domicilios) inclúense o aseo persoal e cambio de cueiros e roupa de vestir; o cambio de roupa de cama e arranxo básico da estancia na que se atope o usuario; o apoio para deitarse ou levantarse da cama, e a preparación de alimentos e axuda para tomalos; achegar aqueles elementos da vivenda que proporcionen seguridade (teléfono, teleasistencia…).

Asemade, a empresa, tamén contratada polo Concello de Pontevedra para prestar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de carácter xeral, debe informar documentalmente aos Servizos Sociais sobre as actuacións realizadas e a situación da persoa atendida nun prazo máximo de 12 horas, elaborando protocolos referentes á súa actuación para seren revisados. Tal e como se sinala no protocolo deseñado desde a Oficina Técnica de Benestar Social, “as persoas obxecto desta atención serán aquelas que teñan reducida a súa capacidade de autonomía persoal e que precisen, ademais das atencións propias que ofrecen os Corpos de Seguridade municipal, dalgunha outra atención imprescindible de carácter persoal ou doméstico, que non poda ser realizada pola mesma persoa ou por outra do seu contorno, xa sexa porque non dispoñan de familia ou porque a que teñen non llela poda dispensar ou non exista forma de localizala”.

Non obstante, tal e como aclara o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, “as atencións que se dispensan baséanse na aplicación das competencias no ámbito dos servizos sociais comunitarios e máis concretamente nas do SAF, e polo tanto quedan excluídas deste proxecto as atencións de carácter sanitario, que son competencia doutras administracións e que deberán ser promovidas por parte da Policía Local e prestadas por persoal sanitario”. 

A actuación iníciase exclusivamente a instancias da Policía

“O protocolo -apunta o edil do PSOE- establece que a atención se iniciará exclusivamente a instancias da Policía Local de Pontevedra, despois de avaliar que non é preciso avisar aos servizos sanitarios e que non é posible a localización dun familiar ou dun coidador habitual e que se fai necesaria a inmediata prestación de servizos persoais. A concesionaria realizará un diagnóstico rápido das necesidades de atención da persoa a asistir e dará traslado da situación a un traballador (auxiliar doméstico) no menor tempo posible, nunca máis de media hora desde o aviso dado pola Policía. Realizaranse as atencións domesticas e persoais de xeito inmediato, asegurándose que a persoa atendida queda en bo estado de hixiene e seguridade e tentando lograr o acompañamento por parte dalgún familiar ou coidador”.

Calcúlase unha atención máxima de 3 horas por servizo, que se contabilizarán a partir da hora de chamada a Policía Local ata a saída do domicilio da auxiliar domestica, quen, unha vez rematado o servizo, o comunicará telefonicamente á centraliña da Policía. A empresa Idades remitirá, nun prazo non superior a tres días e vía Rexistro municipal, un breve informe cos datos identificativos da persoa atendida e unha explicación das atencións efectuadas. Recibida a información nos Servizos Sociais, a técnica municipal responsable do programa de Axuda no Fogar farase cargo do caso, realizando as intervencións propias do traballo social, que unha vez rematadas pasarán, de ser o caso, á traballadora social de zona.

Marcos Rey sinala que “dado que as necesidades de atención se poden presentar de xeito imprevisto en calquera momento do día ou da noite, a empresa concesionaria debe contar con persoal dispoñible dispoñibilidade as 24 horas, durante os 365 días do ano”. “As tarefas de atención doméstica e persoal -afirma o concelleiro socialista- deberán ser realizadas por auxiliares domésticas, cada servizo requirirá da presenza dunha auxiliar. As tarefas de información serán elaboradas e comunicadas aos Servizos Socias municipais polo persoal responsable que a empresa designe. O persoal auxiliar deberá ir debidamente uniformado e identificado e contará cos recursos materiais necesarios para realizar un aseo persoal no domicilio, que serán utilizados no caso de que a persoa asistida non dispoña deles: guantes, xabón, esponxa, toallitas limpadoras, crema hidratante…”.

Rey incide en que “este servizo de atención domiciliaria está pensado por exemplo para casos nos que a Policía acode ao auxilio dunha persoa maior que está caída no chan e que non é capaz de levantarse soa e nos que, en moitas ocasións, se precisa dun servizo de carácter sociosanitario, como unha limpeza, a preparación dunha tila para axudalos a acougar, un aseo persoal no caso de que estean sucios ou o arranxo da cama para deitalos en boas condicións”. Segundo indica, este programa de emerxencias tamén actúa como un efectivo sistema de detección ou de ‘alarma’ de necesidades non detectadas por outras canles para a Concellería de Benestar Social, xa que, “trala intervención da auxiliar, Idades envía ao domicilio do usuario a unha traballadora social coa finalidade de que elabore un informe de situación para os Servizos Sociais municipais, e dito informe pode derivar na tramitación dun SAF de Dependencia ou dunha residencia de maiores”.