Turismo de Pontevedra ofrece rutas de paddle surf diúrnas e nocturnas tódolos sábados e domingos a partir deste sábado 17 e ata o 29 de agosto

170
  • As inscricións nestes itinerarios por augas do Lérez poden realizarse desde hoxe na web de Visit Pontevedra. Daráselle prioridade ás persoas que non participaran con anterioridade

Tralo rotundo éxito que a actividade tivo en 2020, Turismo de Pontevedra decidiu ampliar este verán a tódolos sábados e domingos da segunda quincena de xullo e do mes de agosto as rutas fluviais do programa Paddle Surf Pontevedra, organizadas en colaboración coa firma especializada Urban Culture Factory. A páxina web de Visit Pontevedra abriu esta mesma mañá o prazo para inscribirse nestes roteiros diúrnos e nocturnos polas augas do río, que están pensados para tódalas idades, que se desenvolverán en grupos de oito persoas e que darán comezo este mesmo sábado 17 de xullo cun itinerario de noite.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, está convencida de que esta actividade de balde, “que logrou potenciar o atractivo desa grande avenida que atravesa a nosa cidade, que non ten asfalto, senón unha ampla lámina que leva por nome río Lérez”, motivará este ano “o mesmo furor que na súa edición anterior, no que as prazas tardaron apenas unhas horas en esgotarse”. “Queremos que todo o mundo teña as mesmas oportunidades de desfrutar desta experiencia, polo que ademais de incrementar a oferta, á hora de realizar as inscricións daráselle obviamente prioridade a aquelas persoas que non teñan desfrutado da actividade con anterioridade. O Lérez é un lugar perfecto para practicar paddle surf e o treito que pasa pola cidade é totalmente plano. Para practicar este deporte non é preciso nin sequera saber nadar, xa que o equipo que se facilita (incluídos chalecos e neoprenos) garante total seguridade”, asegura a edil socialista.

Segundo apunta Blanco, “a xente que o ve desde fóra pensa que é moi complicado, pero non é necesario ter un equilibrio especial e as táboas teñen o ancho suficiente como para achegar a estabilidade”, polo que gozar do coñecemento e visión de Pontevedra, da basílica de Santa María e das súas pontes desde o río “é un privilexio ao alcance de todos”. Na súa opinión, estas rutas de paddle surf “impulsar o turismo para descubrir o río a través dunha actividade saudable, fomentar o intercambio cultural e difundir dun xeito didáctico a historia do río Lérez e o respecto polo medio ambiente propio do noso modelo de cidade”.

“Pontevedra é unha cidade de pequenos barrios ligados ao río e ao mar, que agochan os seus propios tesouros. Algúns parecen estar detidos no tempo e outros deixáronnos restos e pegadas que nos levan a imaxinar a vida dos nosos antepasados: pontes, cultura, personaxes… Esta actividade supón un xeito perfecto de descubrilos”, sinala a concelleira do PSOE.

No que se refire aos horarios das rutas, están previstas dúas saídas para os sábados, unha de tarde entre as 17:30 e as 19:30 horas e outra nocturna de 21:30 a 00:00 horas, e outras dúas para os domingos, unha de mañá de 11:30 a 13:30 horas e outra de tarde de 17:30 a 19:30 horas (en grupos de oito persoas).