O Urban Lab convida á rapazada de Monte Porreiro e A Seca a gozar do verán cunha morea de actividades deportivas e culturais ao aire libre

49
  • O programa impulsado por Benestar Social está destinado a rapaces de entre 6 e 16 anos e desenvolverase durante o mes de agosto no Mirador, a praia fluvial e a pista polideportiva da Seca
  • As inscricións nestes talleres, entre os que se inclúen aulas de skate, surfskate, graffiti, hula-hoop, slackline, paddle surf e art lab, poderán realizarse de balde ata o vindeiro luns 26 de xullo

Acadar a dinamización sociocomunitaria da cativada dos barrios de A Seca e Monte Porreiro cunha ampla e diversa oferta de actividades ao aire libre, deportivas, culturais, artísticas e ambientais é o principal obxectivo do programa Urban Lab, impulsado pola Concellería de Benestar Social, que dirixe o socialista Marcos Rey. Entre os talleres propostos, que se desenvolverán durante o mes de agosto e que están dirixidas a rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos, inclúense aulas de skate, surfskate, graffiti, hula-hoop, break dance, slackline, paddle surf e art lab, todas elas de balde.

O Concello manterá aberto até o vindeiro luns 26 de xullo o prazo para inscribirse nestas actividades, que poderá facerse a través dos formularios online do enlace https://apuntate.pontevedra.gal. Non obstante, de chegar o caso, se algunha familia precisa efectuar consultas ou entregar solicitudes e/ou documentación de maneira presencial, poderá facelo mediante cita previa concertada en horario de 9:00 a 14:00 horas a través do teléfono 986 80 43 00 (ext. 7429) ou do email agonzalez@pontevedra.eu. De seren preciso, comprobarase a inscrición no Padrón Municipal.

Tal e como explica o concelleiro Marcos Rey, “os barrios da Seca e Monte Porreiro contan cunha ampla poboación usuaria dos servizos da Concellería de Benestar Social que, ao longo dos anos, se cronifica, polo que estamos a traballar para contribuír a mellorar a calidade de vida da súa veciñanza, rachando coas dinámicas de marxinalidade e cun claro énfase nos máis vulnerables”.

“Esta iniciativa aposta por unha intervención paulatina, comezando pola poboación de menos idade, de xeito que poidan realizar actividades vencelladas á cultura urbana que fomenten o seu benestar psicosocial e inclusión e eviten a aparición de conflitos e de condutas nocivas. Urban Lab vai dirixido á rapazada dos barrios da Seca e Monte Porreiro, que disporá dun total de 30 prazas (un máximo de 15 por barrio/mes). Traballarase a través de valores positivos, coa creatividade, o esforzo e a equidade como axentes de dinamización dos seus propios barrios”.

As actividades deste ‘campamento’ de verán levaranse a cabo entre os días 2 e 27 de agosto, de luns a venres, en horario de 10:30 a 13:30 horas, nas zonas do Mirador, a pista polideportiva da Seca e a praia fluvial do Lérez (o segundo venres de cada quincena). Debido á actual situación sanitaria, o programa establecerá normas de prevención e medidas de hixiene e distanciamento social, apostando por actividades ao aire libre e a creación de grupos reducidos.

Segundo sinala Marcos Rey, “tras cada solicitude avisarase ás persoas admitidas para que formalicen a inscrición coa achega da documentación necesaria e, posteriormente, xestionarase unha lista de agarda coas prazas asignadas que vaian quedando vacantes”.