O lateral do Consistorio e parte da rúa Pasantería, os novos proxectos de rehabilitación do ARI no Centro histórico

31

O Concello inicia a tramitación para solicitar as novas anualidades dos ARIs: a 5ª do Centro histórico e a 10ª de Estribela, nas que proxecta incluír a reforma da praza do Peirao.

O Concello de Pontevedra traballa na redacción de dous novos proxectos de reforma do espazo público no centro histórico con cargo aos fondos ARI, mentres ultima a solicitude das novas convocatorias que permitirán afrontar a décima fase no ARI de Estribela e a 5ª no Centro histórico.

Os proxectos priorizados son a reforma dos xardíns ubicados ao carón do antigo edificio Consistorial, hoxe oficina de turismo, que outrora tamén foron coñecidos por albergaren os baños públicos da cidade; e unha parte da rúa Pasantería, ubicada entre a Ferraría, o edificio do Museo e o dos sindicatos, quedando fóra a reforma da rúa Aduana.

Tamén en carteira, con cargo ao ARI do Centro Histórico, está a reforma da praza do Peirao, da zona próxima ao Parador de Pontevedra.

As dúas primeiras obras realizaranse con cargo aos fondos da anualidade en plena execución (4ª do Centro histórico), e a terceira sería coas axudas que se solicitarán cara final de ano.

Ao respecto da petición que fará o Concello para a vindeira convocatoria, solicítanse 2,5 millóns de euros de investimento público-privado para o centro histórico, e máis de 286.000 euros para o ARI de Estribela.

Seguindo os datos ofrecidos pola oficina técnica, o orzamento protexido total e o estimado de cara a solicitar a participación no Programa, tendo en conta a participación das diferentes partes gubernamentais no proceso, é o que figura desglosado nos cadros adxuntados:

Recompilando o feito

A día de hoxe as Áreas de Rehabilitación integral declaradas en Pontevedra presentan a seguinte situación. 

  • Centro histórico. Ten tramitadas as subvencións da cuarta fase. Nas tres anteriores realizáronse 143 actuacións de rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas, o que supón un total de subvencións outorgadas a particulares de 1.084.693,51 euros. 

Ao respecto da urbanización-reurbanización de espazos públicos, están executadas 5 actuacións e están pendentes o lateral da Casa Consistorial e Pasantería. 

  • No que respecta ao ARI de Estribela, que chega no ano 2021 á súa novena fase, ten executada a rehabilitación de 302 vivendas ou edificios de vivendas, o que supón un total de subvencións outorgadas aos particulares de 1.428.848,55 euros. 

Ao respecto das urbanizacións e reurbanizacións de espazo público, están executadas 13 e está pendente a execución de 2021.