Pontevedra postúlase como sede da Placemaking Week Europe 2022

18

Trátase dun evento internacional que orbita arredor do deseño e a creación de redes para o desenvolvemento urbano sostible

A cita podería achegar a vila centos de visitantes e participantes chegados de todo o mundo

O Concello de Pontevedra confirmou a súa intención de se presentar como sede para a Placemaking Week Europe 2022. Trátase dun evento de carácter internacional, que orbita arredor da creación e alimentación de redes entre todos os actores que fan posible un deseño urbano sostible de cara ao futuro e o presente.

A cita, de carácter anual, leva sendo unha constante desde hai varios anos, tendo como sedes cidades como Amsterdam ou Valencia, sendo esta a última localización do evento, antes de suspender a actividade por mor da situación sanitaria mundial. A Placemaking Week Europe é a conferencia máis grande do continente dentro do concepto placemaking, termo anglosaxón que define unha forma de ser e de facer entre organizacións e individuos na procura da máxima participación no deseño urbano.

Seguindo os datos doutras edicións, a elección de Pontevedra permitiría a chegada de máis de 400 persoas á cidade coa idea de traballar e coñecer proxectos tanxibles de todo tipo en relación co placemaking. A chegada destes grupos de persoas repercutirá dun xeito positivo na economía da vila, ao facer vida durante varios días nela.

A concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, sinala que será un proceso complexo, mais o potencial da cidade, recoñecido na última década a través de numerosos premios e recoñecementos, permitirá crear unha candidatura forte.  «Pontevedra é unha cidade que puido converter a teoría en realidade, un exemplo claro de urbanismo diferencial», sinalou a concelleira.

O Concello remitirá un dossier nos vindeiros días con toda a información pertinente sobre a cidade e o positivo da súa escolla como sede. Amais disto, na última semana de agosto a Boa Vila recibirá a visita cunha comitiva da organización para coñeceren as virtudes da vila in situ.

«Debemos seguir no camiño feito, achegando o que fixemos e os retos que están por vir. Somos un referente mundial», comenta Gulías. «A enorme cantidade de convites que recibimos ao longo do ano é unha proba do recoñecemento global co que conta a cidade, impagable en termos de marketing. Mantermos como ese referente é algo feito por todos e conseguido por todas. A concellería de Promoción da cidade ten por obxectivo seguir poñendo a Pontevedra no mapa».