O alcalde participa na presentación do oitavo congreso de Ciudades que Caminan

36

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, como presidente da entidade Ciudades que Caminan, anunciou as datas e a sede para o oitavo congreso

Baixo o nome ‘Andando enténdese a xente’, a cita terá lugar en Carballo, entre o 7 e o 8 de outubro deste ano

A través dunha videoconferencia, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, participou en calidade de presidente da rede Ciudades que Caminan para anunciar as datas e a sede do oitavo congreso da asociación, a celebrar en Carballo entre o 7 o 8 de outubro deste ano 2021.

O alcalde realizou unha intervención breve, a modo de presentación, na que sinalou en varias ocasións os seus agradecementos ao Concello de Carballo por acoller esta cita, agardando que se converta no primeiro congreso da normalidade trala crise sanitaria actual. “Recuperar os congresos presenciais é fundamental para termos diálogos máis fluídos e compartirmos experiencia do mellor xeito posible”, explica Miguel Anxo Fernández Lores.

“Andando enténdese a xente é un lema precioso, que xa indica o básico, a idea de camiñar como unha forma de unir as persoas. Ánimo a todo aquel interesado a achegarse a Carballo, unha vila grande, que traballou moitísimo con Ciudades que Camiñan, polo que a visita permitirá coñecer as súas accións”, continúa. “Será unha sorte contar con xente como Pedro Torrijas, que aínda non hai moito referenciaba Pontevedra como a cidade do futuro, non Tokio nin outras macrourbes. Pontevedra leva 20 anos construíndo xa non unha zona de baixas emisións, senón unha cidade enteira”.

A Rede de Ciudades que Caminan é unha asociación non lucrativa, aberta a concellos e outras administracións públicas comprometidas coa camiñabilidade. O seu obxectivo principal é que os peóns sexan os máximos protagonistas da mobilidade urbana e do espazo público.